Toponimízate acode ao Incio na procura da súa toponimia tradicional

A campaña Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra continúa na provincia de Lugo na súa penúltima parada desde ano 2022. A sala de usos múltiples da Casa do Concello do Incio será o lugar de encontro de todas as persoas amantes da toponimia e interesadas en colaborar na súa recolla coa Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O evento comezará ás 17:00 h e será presentado polo rexedor municipal, Héctor Corujo, e será conducido por Vicente Feijoo, especialista en Toponimia do Seminario de Onomástica da RAG e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada.

A campaña, que xa percorreu neste ano 15 concellos do país e máis de 70 desde que comezou a súa andaina en 2017, trata de concienciar a poboación da importancia de salvagardar a toponimia tradicional de cada concello, isto é, os nomes de leiras, montes, fontes, regueiros, penedos... Para iso, Vicente Feijoo presentaralles ás persoas participantes no evento a aplicación Galicia Nomeada e as súas características máis básicas que serven para esta tarefa: as versións de escritorio e as súas aplicacións para dispositivos móbiles, como darse de alta, como incluír un novo topónimo, como enviar unha suxestión, como consultar a toponimia recollida nunha parroquia... 

Esta parte do obradoiro que impartirá Vicente Feijoo é esencial en concellos como O Incio, onde desde a posta en funcionamento de Galicia Nomeada só se incluíron 14 microtopónimos. Polo tanto, o principal obxectivo será procurar persoas dispostas a colaboraren coa RAG no mantemento, conservación e divulgación da súa toponimia tradicional. 

Ademais de facer un percorrido pola riqueza toponímica de Galicia, o seu valor como patrimonio cultural inmaterial e o risco que corre de perderse nas últimas décadas, a charla tamén inclúe unha parte dedicada a comentar o significado das parroquias e aldeas que conforman o concello do Incio. Entre eles, falarase das diferentes hipóteses etimolóxicas que existen sobre río Mao, que deixou a súa pegada no nome de tres freguesías do Incio, Santa María, San Salvador e San Román, todas elas apelidadas do Mao. A pesar de que poida aparentar un topónimo transparente formado polo adxectivo do galego común ‘mao’, a maioría dos expertos en toponimia relaciónano cunha raíz hidronímica prerromana *U-M, tendo en conta que aparece mencionado na documentación medieval como “rivulum Omano / Umano / Homano / Humano”.

Última charla Toponimízate do 2022, o próximo luns en Zas

A rapazada do IES Maximino Romero de Lema, en Baio (Zas) serán os encargados de pór o ramo á campaña Toponimízate. A cita será o luns, 28 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples e contará coa presenza de Xosé María Lema, membro do Seminario de Onomástica e grande coñecedor deste concello da Terra de Soneira. 
 

Tipos