Toponimízate acode ao rescate da microtoponimia de Valdoviño
O concello de Valdoviño acollerá este venres a primeira das paradas deste ano da campaña Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra na provincia da Coruña. Os amantes do noso patrimonio cultural e da riqueza toponímica teñen unha nova cita coa campaña coa que a Real Academia Galega e mais a Secretaría Xeral da Lingua tratan de concienciar a poboación da importancia de salvagardar os nomes da súa terra a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
A charla, que se impartirá na Casa da Cultura de Valdoviño o venres 29 de maio a partir das 19:30 h, será presentada polo alcalde, Alberto González Fernández, e pola concelleira de Cultura, Rosa Ana García López. Foi o propio rexedor, arqueólogo de profesión, quen amosou o seu gran interese na recuperación da microtoponimia do seu concello ao comprobar na aplicación Galicia Nomeada que practicamente a totalidade do seu termo territorial estaba sen recoller.
O concello de Valdoviño non fora obxecto dos traballos de recollida na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011). Pero ademais é un dos municipios da provincia da Coruña en que menos achegas de topónimos se fixeron desde a posta en marcha do proxecto colaborativo Galicia Nomeada en 2019.
Por tanto, a Real Academia Galega fai un chamamento para que acudan ao relatorio todas aquelas persoas que coñezan o territorio e queiran colaborar para que os nomes das súas terras, camiños, fontes, penedos... sexan conservados e transmitidos grazas ás novas tecnoloxías. Durante o transcurso do acto, que será conducido como de costume por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, explicaranse, entre outros contidos, como darse de acta na plataforma colaborativa e como funciona a aplicación para engadir topónimos, acompañados de audios, imaxes, documentos ou vídeos. Desde a posta en marcha desta aplicación colaborativa, lévanse engadido a través dela máis de 110.000 microtopónimos por todo o territorio galego.
O último dos puntos que se tratarán no relatorio será o das historias que agochan os nomes das parroquias e lugares do concello, isto é, a orixe e significado destes nomes. Cómpre salientarmos que Valdoviño é un municipio cunha grande riqueza toponímica, pois son moitos os nomes de lugar únicos que só aquí podemos encontrar: Agrós, Aldarete, A Bedoxa, Casianes, Choupenete... As achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, experto en toponimia do Seminario de Onomástica e académico da RAG, serán pois moi necesarias nesta parte da charla.
Toponimízate continuará no mes de xuño
A Campaña Toponimízate continuará durante o mes de xuño, antes do descanso estival, con dúas novas charlas. A primeira será en Betanzos o venres 5 de xuño a partir das 19:30 no Salón azul do Edificio do Arquivo; e a segunda, no concello lugués de Baleira, tras o San Xoán, o venres 26 de xuño a partir das 19:00 no Centro Sociocultural do Cádavo.