Toponimízate acode a Xunqueira de Ambía para rescatar a súa microtoponimia
A campaña Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará este venres 15 de maio a un dos municipios ourensáns que exemplifica coma poucos a necesidade e urxencia de acometer o traballo de recolla dos nomes das terras, montes, fontes, penedos... A cita será nas Escolas Vellas de Xunqueira de Ambía ás 19:00 horas, cunha charla impartida polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares.
Foi o propio alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luís Gavilanes Losada, quen contactou coa Real Academia Galega e coa Secretaría Xeral da Lingua para levar a iniciativa ao concello que preside, alertado polo perigo que corren de perderse os nomes menores que forman parte da memoria colectiva e do patrimonio inmaterial do seu concello.
E non lle falta razón, pois neste concello ourensán conflúen os catro principais factores que poñen en risco a toponimia tradicional. Por un lado, o despoboamento: no que vai de século XXI, perdeu case a metade da súa poboación, pasando a pouco máis de 1.300 habitantes en só dúas décadas. A isto cómpre sumarmos o avellentamento da súa poboación, cunha idade media que se aproxima aos 60 anos. En terceiro lugar, este municipio ourensán non foi obxecto de traballo na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011). Por último, desde a posta en marcha do portal Galicia Nomeada, só 4 colaboradores amosaron interese en recoller a súa toponimia e só foron rexistrados 27 topónimos para todo o territorio, datos que o converten nun dos concellos do país con menos achegas públicas á plataforma.
Xa que logo, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, acudirá a Xunqueira de Ambía coa intención de reverter esta situación. Por iso, centrará gran parte do relatorio en explicar o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada para que as persoas asistentes poidan aprender as seguintes cuestións: como darse de alta na aplicación, como engadir un topónimo, como gravar e subir un arquivo de son ou engadir unha fotografía... Tamén coñecerán como enviar suxestións sobre a toponimia xa existente no visor e outras funcionalidades de Galicia Nomeada, tanto na súa versión web como na aplicación para dispositivos móbiles. A finalidade é que, tras a charla, as persoas asistentes poidan comezar a engadir os nomes das terras que coñecen en cada unha das súas aldeas ou parroquias.
A parte final do relatorio será destinado a explicar a orixe e significado dos topónimos deste concello. Este outros moitos, falarase dun nome con moitos séculos de antigüidade, Ambía, un topónimo que a xuízo de varios historiadores foi un nome alternativo ao río Arnoia ao seu paso por esta zona. A hipótese que goza de maior consenso na actualidade é consideralo un hidrónimo prerromano, un derivado en –ía do celtismo Amba ‘auga’ ou ‘río’, presente noutros topónimos como Ambosores, Ambas Mestas... Este celtismo sobrevive no léxico común na palabra ámboa, que é o nome que lle dan na zona de Lemos a un tipo de recipiente de barro.
Valdoviño, última parada do mes de maio
O concello coruñés de Valdoviño será a última parada da Campaña Toponimízate neste mes de maio. A cita será o venres 29 a partir das 19:30 horas na Casa da Cultura (Av. Gándara de Abaixo, 30).