Toponimízate chega este venres ao centro xeográfico de Galicia, Antas de Ulla

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega e Secretaría Xeral da Lingua percorren o país para facer fincapé na importancia cultural da nosa toponimia e na necesidade de recollela a través da plataforma Galicia Nomeada, chega esta semana ao considerado centro xeográfico de Galicia, Antas de Ulla. A cita será a partir das 19:30 horas na Antiga Casa Cuartel (avenida de Palas de Rei, 1) e, alí, as persoas asistentes poderán escoitar unha interesante e didáctica charla da man de Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e do proxecto colaborativo Galicia Nomeada. 

Estará acompañado na presentación deste relatorio pola alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e mais por Andrea Santiso, investigadora, profesora de ensino secundario e autora da obra Toponimia de Antas de Ulla, publicada este mesmo ano pola Real Academia Galega dentro da colección Terra Nomeada.

Toponimízate visitará Antas de Ulla con dous obxectivos ben precisos: concienciar a poboación seoanesa da importancia de salvagardar os nomes das terras, montes, regueiros, fontes, penedos deste concello e involucrar a moitos veciños e veciñas que colaboren na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada. Cómpre ter en conta que nunha superficie de algo máis de 103 km cadrados coa que conta este concello, soamente se introduciron unhas ducias de microtopónimos no visor de Galicia Nomeada.

Por tanto, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento á toda a poboación interesada no noso patrimonio para que acudan á cita deste venres e participen neste proxecto cultural achegando os nomes que saben da súa aldea e parroquia e sumándose, así, exército de milleiros de persoas e institucións que en todo o país están participando neste proxecto cultural.

O groso do evento estará protagonizado, xa que logo, pola aplicación Galicia Nomeada e as principais funcionalidades: como darse de alta, como introducir un topónimo, como enviar suxestións, como subir imaxes e arquivos de son coa fonética ou con lendas asociadas etc.

A charla tamén servirá para que as persoas asistentes poidan coñecer a orixe e o significado dos principais topónimos deste concello lugués. Como non podería ser doutro xeito, a obra Toponimia de Antas de Ulla e a propia Andrea Santiso serán as fontes principais desta sección onde se falará de nomes como O Farelo ou Facha, dous lugares que puideron formar parte dun antigo sistema de comunicación a través de fachos ou lumes acendidos e servirían para enviar sinais a longa distancia. 
 

Tipos