Toponimízate chega á Fin da Terra

A campaña Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra desprázase este luns á Fin da Terra, Fisterra, co único obxectivo de captar persoas que queiran colaborar coa Real Academia Galega e coa Xunta de Galicia na recuperación e difusión da súa toponimia tradicional na plataforma Galicia Nomeada. Aquelas persoas que estean interesadas neste labor, poden acudir ás 17:00 h ao Salón de Actos da Casa do Concello para escoitar o relatorio de Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto, que será presentado polo alcalde fisterrán, José Marcote Suárez.   

Fisterra foi un dos concellos que se tivo en mente á hora de planificar a campaña Toponimízate para o 2022 porque forma parte dese grupos de municipios galegos que non foron obxecto dos traballos de recolla na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011). Ademais disto, dáse o feito de que Fisterra e o veciño Corcubión son os concellos da provincia da Coruña con menos topónimos rexistrados na plataforma Galicia Nomeada, con 54 e 16 respectivamente. Estes 70 topónimos contrastan cos máis de 160.000 nomes de toda a provincia que se poden consultar na plataforma colaborativa xestionada pola Real Academia Galega, só o 0,04% de toda A Coruña. 

Este feito, pois, fai necesaria a nosa presenza no concello fisterrán para procurar a colaboración cidadá na recuperación dos seus microtopónimos (nomes de leiras, fontes, pedras do mar...) e iniciar esta tarefa de salvagarda dun patrimonio cultural inmaterial que ten moita vinculación coa tradición mariñeira e coa xacobea. Como darse de alta en Galicia Nomeada e como usar a aplicación para rexistrar e divulgar todo este patrimonio será, pois, un dos temas centrais dos que se falará no evento.  

O acto tamén servirá para corroborar ou non as hipóteses sobre algún dos topónimos peculiares que hai neste concello da Costa da Morte. A Anchoa é un deles por tratarse dun topónimo único en toda Galicia que, segundo a transmisión oral, débese a un establecemento de hostalaría da zona da recta de entrada á poboación que tiña por costume dar coa consumición unha tapa de anchoa. Vicente Feijoo preguntará aos presentes se é así ou se existen outras hipóteses e tamén explicará as etimoloxías das súas parroquias e lugares. Algunhas delas son ben coñecidas, como a do propio nome do concello, Fisterra; e outras, son ben sorprendentes, como é o caso de Ermedesuxo de Abaixo, topónimo este que indica ao mesmo tempo unha situación na parte superior e tamén inferior, pois a partícula suxo, que forma parte do primeiro elemento, procede do latín SURSUM ‘arriba’. 

Nas vindeiras semanas, Ortigueira e Allariz recibirán a campaña Toponimízate 

Nas vindeiras semanas, Ortigueira e Allariz recollerán a remuda da campaña Toponimízate. O Teatro da Beneficencia da capital de Ortegal acollerá o relatorio o xoves 20 de outubro ás 11:00 h, mentres que o venres 21 será a Casa da Cultura de Allariz o lugar elixido para falar de toponimia a partir das 20:00 h.  

Tipos