Vilalba, colofón da campaña Toponimízate 2019

O concello lucense de Vilalba foi o encargado de pórlle o ramo á campaña Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra que durante os meses de novembro e decembro de 2019 espallou a importancia de preservarmos a nosa toponimia tradicional por diferentes concellos do país.

A alcaldesa, Elba Veleiro Fernández, foi a encargada de presentar a Vicente Feijoo, o membro do Seminario de Onomástica da RAG que imparte as charlas da campaña. Tralo interese suscitado pola charla entre os asistentes, a rexedora municipal comprometeuse a participar activamente neste proxecto involucrando ás asociacións veciñais, culturais e aos centros de ensino do seu municipio na salvagarda da microtoponimia vilalbesa a través da nova aplicación colaborativa Galicia Nomeada. A isto animounos o feito de visualizar a través do visor de topónimos os 730 topónimos existentes na parroquia de Goiriz, que foran recompilados anos atrás polo Proxecto Toponimia de Galicia (PTG).

A charla de Vicente Feijoo durou máis de 2 horas porque lles falou da orixe dos nomes das 29 parroquias nas que está dividido este concello chairego e de parte dos 800 asentamentos de poboación repartidos polos seu territorio. No que respecta aos nomes das parroquias, chamoulles especialmente a atención aos participantes que houbese tanto antropotopónimo, isto é, nomes de posesor: tanto de orixe xermánica, Belesar, Distriz, Goiriz, Gondaísque, Nete ou Noche; como de orixe latina, Boizán, Corvelle, Mourence, Román, Tardade, Vilapedre ou Xoibán.

Sobre Toponimízate

A campaña Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra da Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten como finalidade divulgar o noso rico patrimonio toponímico ao tempo que instar á colaboración na recolla da toponimia tradicional.

A edición de 2019 desenvolveuse nos concellos de Mazaricos, Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz, Ordes, Guitiriz, Lalín, Taboada, O Bierzo, Muxía, Noia, Folgoso do Courel, Cerdedo Cotobade, Pazos de Borbén e Vilalba.

Como novidade desta edición estivo a visita ao centro de maiores das Neves en colaboración co Consorcio Galego de Benestar, unha iniciativa que se prevé ampliar na campaña do vindeiro 2020.

Galería de imaxes
Tipos