A xira Toponimízate 2024 arribou ao porto de Camariñas

A campaña Toponimízate pechou o mes de xuño nun dos puntos máis fermosos da nosa comunidade, a Costa da Morte. Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, acudiu o pasado venres 28 de xuño á Casa de Pedra do concello de Camariñas, onde contou cuns presentadores de excepción: Sandra Insua, a alcaldesa de Camariñas;  Xusto López Carril, con máis de catro décadas dedicadas ao xornalismo radiofónico e especializado en temas mariñeiros; e Manuel Romar, vicepresidente da Asociación de montes A Croa, colectivo veciñal camariñán que se fundou para xestionar, defender e poñer en valor os montes deste concello e todo o patrimonio que atesouran, entre outras cousas, a microtoponimia que tanto risco corre de se perder. Este último escusou a ausencia por motivos persoais da presidenta desta asociación, Adriana Rodríguez, e doutra asociada que forma parte da directiva, a xornalista Chus Castro, a quen lle estamos moi agradecidos polo seu interese neste proxecto cultural e por todas as xestións que realizou para que esta actividade se levase a cabo. 

A charla Toponimízate de Camariñas estivo centrada en gran parte nas posibilidades que lles ofrece a plataforma colaborativa Galicia Nomeada á cidadanía e ás asociacións, como neste caso A Croa, para recuperar e conservar os topónimos dos seus montes antes de que caian no esquecemento. O funcionamento da aplicación para dispositivos móbiles e da versión para ordenadores centrou os contidos dunha charla en que os asistentes aprenderon as súas principais funcionalidades: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, audios ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...

Xa no final do relatorio, Vicente Feijoo deixou o espazo reservado para que as persoas asistentes coñecesen tamén a orixe dos nomes das parroquias e lugares deste concello da Terra de Soneira. Entre os topónimos camariñáns que espertaban a curiosidade os asistentes estaba o nome da parroquia de Xaviña, pois sempre circularon entre a veciñanza etimoloxías populares que o relacionaba coas voces do galego común xa e viña, e que nada teñen que ver coa orixe e significado deste topónimo tan antigo. que provocaron a aparición de etimoloxías populares nos lugares así denominados. Porén, o investigador en toponimia Paulo Martínez Lema relacionou este topónimo cunha raíz hidronímica (referente ás augas) indoeuropea *YEU- ‘moverse, mesturar’, presente en topónimos galegos como Xava (O Bolo), Xavestre (Trazo), Xuvia (Narón e Neda), Xuviño (Poio)... e en nomes de ríos europeos como os franceses La Juane, Joigne, Jona... O propio nome do concello, Camariñas, tamén tivo o seu espazo; pois, aínda que o máis verosímil é pensar que está relacionado coa planta chamada caramiña ou camariña (Corema album) que podemos atopar nos areais deste concello, tamén podería ter outro significado, tal e como explicamos neste artigo.

Tordoia, última cita antes das vacacións de verán

A Campaña Toponimízate collerá folgos durante as próximas semanas estivais despois de deterse no concello coruñés de Tordoia. A cita será o 4 de xullo na Casa da Cultura tordoiesa (avenida do Dolmen, Pontepedra).
 

Galería de imaxes
Tipos