A Vizcaia de Láncara será eco da Bizkaia de Euskadi?

Nesta mesma sección temos analizado en reiteradas ocasións a relación que manteñen algúns topónimos galegos con éxonimos ou nomes de lugar foráneos. Algúns deles, como Rozavales ou Baiona foron produto de retoponimizacións reais, isto é, cambiados por un rei ao lles conceder a súa carta de fundación ou de poboamento. Outros, como O Gurugú reproducen o nome estranxeiro ao vincular o territorio propio coas características negativas do exónimo. Pero tamén os hai, como Porvenza ou Valdolide na Pobra do Brollón, cuxa similitude fonética con Provenza ou Valladolid pode ser casual. Entra dentro dalgunha destas casuísticas o topónimo A Vizcaia de Láncara?

A Vizcaia lancará xunto co lugar chamado Bizcaia da freguesía de Arroxo, no concello lucense de Sober, “parecen homónimos” dun dos tres territorios históricos que conforman Euskadi na actualidade, Bizkaia, tal e como apuntou Nicandro Ares nos seus estudos sobre a toponimia destes dous concellos lucenses. Este investigador expón dúas posibles hipóteses para explicar esta semellanza toponímica: por un lado cre  que “puido ser apelido dun inmigrante vasco que fose o posuidor deste lugar”. Así cita a existencia dun “Fernan de V<i>scaya/de Byscaya”, a quen o abade de Oseira aforou en 1417 dous lugares en Ourense. Porén, o propio Nicandro Ares ten dúbidas respecto desta procedencia e xulga que habería que “buscar outra etimoloxía de máis proximidade ó noso idioma, sobre todo pensando no substrato indíxena”.

Biscaia tamén existe como topónimo no noso país veciño, Portugal. Hai varias poboacións así chamadas en Cascais, Évora, Cinfães e Montemor-o-Novo. Respecto destes lugares portugueses, José Pedro Machado, no Dicionário onomástico etimológico da língua Portuguesa, descarta que estes topónimos teñan orixe no substrato prerromano e aposta pola primeira hipótese apuntada por Nicandro Ares, isto é que “devam os seus nomes a propietários oriundos” da Biscaia vasca. Apoia a súa teoría en que as aldeas de Évora e Montemor-o-Novo se chamaban antigamente Quinta do Biscaia e Aldeia do Biscaia, con artigo, o que suxire que Biscaia funcionaba como apelativo dos seus poboadores.  

Cómpre engadirmos, por último, que na vindeira edición do Nomenclátor, a localidade lancará aparecerá oficializada como A Bizcaia, coa grafía B, para o harmonizar coa grafía do topónimo en éuscaro e coa forma gráfica do lugar homónimo do concello de Sober, que agora tamén aparecerá con artigo no novo Nomenclátor, A Bizcaia.
 

Tamén che pode interesar...

Perdecanai, nome dunha freguesía do concello pontevedrés de Barro, atopámolo escrito coa forma actual  xa no…

Desde o fin da Idade Media, a toponimia galega sufriu un proceso de castelanización tan intenso nalgúns nomes que implicou, na escrita e…