A Asociación de Veciños O Cruceiro, na parroquia da Laxe en Fornelos de Montes, mostra o seu entusiasmo por colaborar co proxecto Galicia Nomeada
O mal tempo provocado pola borrasca Jana non foi impedimento para que o local social da Asociación de Veciños O Cruceiro, na parroquia da Laxe, en Fornelos de Montes, se ateigase de xente para escoitar unha charla sobre o proxecto Galicia Nomeada e sobre o significado dos topónimos deste concello pontevedrés.
Este evento estivo organizado pola propia asociación. Tanto a súa presidenta, Pilar Calviño Barreiro, como a secretaria, Carmen Couto Boullosa, amosaron moito interese por este proxecto de salvagarda dun dos principais bens do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, a toponimia. Isto levounas a contactar coa Real Academia Galega para planificar esta actividade.
Ante tanto entusiasmo por parte das persoas que forman a directiva desta asociación, o coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, Vicente Feijoo Ares, acudiu encantando ata a parroquia da Laxe o venres 7 de marzo para impartir ás 20:00 h este relatorio, que foi presentado pola presidenta da asociación, Pilita, a secretaria, Carmen, e mais pola tesoureira, Marisol Perdiz Costal.
Vicente Feijoo comezou falándolles a todos os presentes da importancia dos nomes de lugar como patrimonio cultural e da valiosa información que nos achegan sobre o territorio en que habitamos e sobre os modos de vida dos nosos antepasados. Logo explicoulles como funciona a aplicación Galicia Nomeada para que poidan completar os nomes das terras, das fontes, dos penedos... xa rexistrados nesta parroquia.
Cómpre aclarar que a microtoponimia deste concello xa fora recollida polo Proxecto Toponimia de Galicia alá polos anos 2008-2009, sumando un total de 3.869 topónimos en todo o termo municipal, que agora se poden consultar e visualizar no visor de Galicia Nomeada; dos cales, 536 corresponden a esta parroquia da Laxe.
O que pretenden facer agora os membros e veciños desta asociación é completar os que falten ou corrixir os achegados nesa primeira recolleita. Tamén engadirán fotos daqueles que identifican elementos de interese cultural, como por exemplo as feixas (fervenzas), cruceiros, capelas, fontes, penedos...; audios da xente maior pronunciando os nomes xa recollidos; ou lendas que motivaron algúns nomes como O Coto dos Ladróns, A Fonte do Mouro...
As máis de 30 persoas que asistiron a esta charla, que se prolongou ata as 22:30 h da noite, tamén puideron saber das utilidades prácticas desta información cultural, unha vez que está xeorreferenciada e normativizada en Galicia Nomeada, como por exemplo para rotular os nomes dos lugares por onde pasan as rutas de sendeirismo, para identificar ou poñer en valor os elementos de interese cultural da parroquia, para nomear establecementos de turismo rural...
Finalmente, como xa vén sendo habitual tamén nas charlas da campaña Toponimízate, a parte do relatorio dedicada a explicar a orixe e significado dos nomes de aldeas e parroquias do concello suscitou moito interese entre os asistentes. Deste xeito souberon que o nome do concello, Fornelos de Montes, posiblemente estivese motivado pola existencia de concavidades naturais ou dolmens nos montes do municipio; que Oitavén (lat. OCTVIANI) e Ventín (lat. VALENTINI) son nomes de posesores medievais, propietarios das primeiras explotacións agrícolas existentes nos territorios das dúas parroquias; ou que o topónimo da súa parroquia A Laxe (pronunciado pola xente maior como A Laxa) está motivado pola existencia de pedras planas nos seus montes, tal e como o demostran outros microtopónimos da parroquia do tipo O Laxial, As Laxas Negras, A Chan da Laxa, As Laxiñas...
Desde Galicia Nomeada só nos queda agradecer o agarimoso recibimento que tivemos por parte de todos os membros desta asociación e ofrecer a nosa axuda para calquera dúbida que teñan á hora de realizar as súas achegas á plataforma Galicia Nomeada. Oxalá máis asociacións sigan o seu exemplo.