A Comisión Especializada de Nomes Xeográficos escolle Galicia para a súa VI xornada

-

Algúns dos maiores expertos sobre toponimia e cartografía do Estado daranse cita por vez primeira en Galicia na VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, organizada pola propia Comisión Especializada de Nomes Xeográficos (CENG), organismo do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), inscrito no actual Ministerio de Transportes e Axenda Urbana. A xornada, que se desenvolverá durante o 21 de setembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, será a sexta que organiza a CENG e contará coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, e coa da Real Academia Galega.

Esta xornada estará aberta a todo o público en xeral, mais é necesaria a inscrición previa nesta ligazón. A temática sobre a que trata será a relación tan estreita existente entre os nomes xeográficos e mundo dixital. A escolla de Galicia para ser a anfitrioa nesta xuntanza de especialistas en cartografía e toponimia non é casual: a plataforma Galicia Nomeada constitúe un referente na colaboración entre as administracións públicas e a cidadanía na salvagarda do patrimonio inmaterial toponímico cunha base integramente dixital. Desde a súa posta en marcha a finais de 2019, este proxecto da  Xunta de Galicia e da Real Academia Galega aglutina nun mesmo espazo máis de medio millón de topónimos e microtopónimos xeolocalizados e dispoñibles para consulta; 60.000 deles achegados polas máis de 3.100 persoas colaboradoras que están inscritas na actualidade.

Galicia Nomeada será unha das protagonistas da xornada que terá, tamén, moitas outras voces expertas das diferentes comunidades autónomas españolas que forman parte da CENG e que achegarán información sobre os traballos que ligan o mundo dixital coa toponimia nos seus respectivos ámbitos de actuación. Aínda que continúa aberto o prazo para enviar comunicacións ao congreso, xa foron aceptados os seguintes relatorios:

  • “Galicia Nomeada: toponimia colaborativa”, por Vicente Feijoo Ares
  • “Últimos avances en el Nomenclátor Geográfico de Andalucía”, por Mª Teresa Garrido Borrego
  • “La toponimia en mapas antiguos como herramienta para trazar su linaje: La transmisión del topónimo “Elcano” en la cartografía de los siglos XVI-XVII”, por Marcos F. Pavo López
  • “El nomenclátor geográfico de las Illes Balears y el visor de gestión, actualización y consulta”, por Eulàlia Fons Carbonell
  • "Innovaciones en el Nomenclátor del INE", por Mª Natalia Fojo Diaz
  • “Elaboración de la segunda edición de la Directrices toponímicas de uso internacional para editores de mapas, cartas náuticas y otras publicaciones”, por Maite Mollà Villaplana
  • “Proceso de normalización de la toponimia geográfica en el Principado de Asturias”, por Juncal Mónica García Velasco
  • “El nuevo visor del Nomenclátor Geográfico Nacional, por Angélica Castaño Suárez

A xornada desenvolverase en tres sesións: tras a inauguración por parte das autoridades, entre as 9:30 h e as 10:00 h, comezará a primeira sesión científica que se prolongará ata as 11:30 h; após a pausa para o café, de 12:00 h a 13:30 h, terá lugar a segunda sesión con outros tres relatorios. A terceira e última sesión comezará ás 16:00 h e durará ata as 17:30 h. O programa definitivo con todas as intervencións poderá consultarse proximamente na propia web da xornada.

Sobre a Comisión Especializada de Nomes Xeográficos (CENG) e as súas xornadas

A Comisión Especializada de Nomes Xeográficos está integrada no Consello Superior Xeográfico e ten como misión impulsar a normalización dos nomes xeográficos no Estado, en coordinación cos diferentes organismos competentes do Estado e das diferentes comunidades autónomas. A comisión está formada por representantes de autoridades en nomes xeográficos da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, expertos de universidades e das academias das linguas existentes en España, así como doutras institucións relacionadas coa toponimia.

Tipos