Covelo abre o pano da xira Toponimízate de outono
O concello pontevedrés de Covelo será o encargado de abrir o pano dunha intensa temporada de outono do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que levará a recuperación da nosa toponimia tradicional a un total de 11 concellos galegos. O evento, que será presentado polo alcalde deste municipio, Juan Pablo Castillo Amigo, terá lugar este venres 30 de setembro, a partir das 11:30 h no auditorio deste municipio pontevedrés.
O concello de Covelo é unha boa mostra do papel crucial que está a xogar a plataforma Galicia Nomeada no proceso de recuperación do noso patrimonio inmaterial toponímico. Este municipio da Paradanta contaba con pouco máis de 200 nomes de lugar rexistrados no momento do lanzamento da aplicación, 182 deles correspondentes ás denominacións das súas aldeas e lugares habitados. Porén, 3 anos despois, son 550 os topónimos a que podemos acceder na aplicación grazas ao labor de diferentes persoas, entre as que cómpre salientar a Alberte Reboreda. Este investigador e historiador é na actualidade un dos máximos colaboradores do proxecto Galicia Nomeada, con máis de 2.000 achegas en concellos como Cerdedo Cotobade, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e no propio municipio de Covelo. Sobre este último, ademais está a realizar uns traballos de difusión toponímica das súas freguesías baixo o título “Covelo, parroquia a parroquia” que se poden consultar na web municipal.
A pesar do labor de Alberte Reboreda e outros colaboradores, a recuperación da toponimia segue sendo esencial neste concello, pois aínda hai freguesías en que non se recolleu ningún microtopónimo, como na Lamosa, Campo, Fofe, Godóns, Prado ou Prado de Canda, e noutras este labor é superficial, como no Piñeiro, Maceira, Santiago de Covelo ou Paraños. Por tanto, o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada e como colaborar con ela será un dos temas principais que se tratarán na charla Toponimízate, que será impartida por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico da plataforma colaborativa e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Na segunda parte do relatorio, o protagonismo recaerá nos nomes das entidades de poboación, pois farase unha achega á súa orixe e significado, así como algunhas das súas particularidades. Deste xeito, explicarase cales foron as razóns que levaron á Comisión de Toponimia a segmentar o topónimo Barcia de Mera; falarase da orixe dos habitantes do núcleo Casteláns, que lonxe do que se puidera pensar, non está na Castela española senón na dentro de Galicia e outras moitas curiosidades. Estas notas etimolóxicas contan coa achega de Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e membro do Seminario de Onomástica.
Citas da campaña Toponimízate en outono
Como é costume, o groso da campaña Toponimízate desenvolverase nos meses do outono. Despois das 5 citas desta primavera e do verán xunto con esta de Covelo, os concellos que recibirán proximamente esta actividade serán Castrelo de Miño (mércores, 5 de outubro ás 11:30 h no CEIP Castrelo de Miño), Rodeiro (venres, 7 de outubro ás 20:00 h no Centro Cultural Manuel Lamazares), Fisterra (luns, 10 de outubro ás 17:00 h no salón de actos da Casa do Concello), Ortigueira (xoves, 20 de outubro ás 11:00 h no Teatro da Benficencia), Allariz (venres, 21 de outubro ás 20:00 h na Casa da Cultura), Oleiros (venres, 28 de outubro, ás 20:00 h no Auditorio da Fábrica en Perillo), Ponteareas (mércores, 9 de novembro ás 20:00 h no Auditorio Municipal), Forcarei (venres, 18 de novembro, ás 12:00 h no CEIP Nosa Señora das Dores), Zas (luns, 21 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio), Guntín (mércores, 23 de novembro ás 12:00 h na Casa da Cultura) e, finalmente, O Incio (venres 25 de novembro ás 19:00 h no salón de usos múltiples da Casa do Concello).