Galicia Nomeada ofrece no seu visor de topónimos máis de medio millón de nomes da nosa terra
Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recuperación da nosa toponimia tradicional, suma actualmente un total de 529.135 topónimos xeorreferenciados que están a disposición da cidadanía tanto para consulta no seu visor como para descarga libre. Isto supón unha fonte de información moi valiosa sobre a lingua, a historia e cultura do noso país, un auténtico tesouro do noso patrimonio cultural inmaterial que xa non caerá no esquecemento.
Esta cifra resulta de sumar os 87.929 microtopónimos (nomes de terras, fontes, regueiros, camiños, penedos, praias...) achegados pola cidadanía a través da aplicación colaborativa Galicia Nomeada desde a súa posta en marcha a finais do ano 2019; máis 402.955 nomes procedentes do antigo Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011); xunto cos 38.254 correspondentes aos nomes das entidades de poboación existentes no actual Nomenclátor de Galicia.
A plataforma Galicia Nomeada conta neste momento con 3.932 contas de usuarios e usuarias dadas de alta no sistema, entre particulares, institucións, asociacións ou centros de ensino de todo o país que cobren practicamente a totalidade do territorio. Máis da metade destas contas incluíron cando menos unha ducia de topónimos ou indicaron algunha información valiosa sobre os nomes existentes no visor e procedentes dalgunhas das fontes arriba indicadas, como por exemplo cambios de denominación, de pronuncia, de localización etc.
Máis dun terzo dos concellos de Galicia, 128, teñen 10 persoas ou institucións que amosaron o seu interese en colaborar ou recoller a súa toponimia local; entre os que máis contas de usuario teñen adscritas, salientan Boiro, Zas, Ribeira, Ortigueira ou Carnota, municipios que acolleron no seu momento unha charla do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, percorre o país na procura de persoas interesadas na salvagarda dos nomes do territorio das súas aldeas e parroquias.
De entre as diferentes contas de usuario, cómpre salientar o labor de recuperación realizado por Iván Sestay (con 17.360 nomes achegados a través da plataforma colaborativa), Orlando Viveiro Veiga (con 3.984 topónimos) e Olivar Noenlle Vázquez (3.604 topónimos), que se sitúan nos 3 primeiros postos do Podio dos 10 colaboradores que máis achegas públicas fixeron a través da aplicación. Entre os centros de ensino, vai en cabeza o IES Pintor Colmeiro de Silleda, con máis de 1.540 topónimos engadidos, e entre as institucións destacan os concellos de Allariz (1.387) ou o de Redondela (1.300).
Estas achegas públicas recibidas a través da plataforma Galicia Nomeada déronse en practicamente todo o territorio galego: só 4 concellos, A Capela e Toques na provincia da Coruña, e os ourensáns Bande e Taboadela son os únicos municipios en que aínda non temos rexistrado ningún colaborador ou colaboradora. Certo é que A Capela ten case todo o seu termo municipal recollido na época do PTG — 1.609 topónimos—, ao igual que o concello de Bande —3.417 topónimos—. Soamente o concello de Taboadela non foi obxecto dos traballos de campo realizados, polo que constitúe o único concello galego en que aínda non se comezaron os traballos de recolla de ningún xeito.
Os concellos dos que máis achegas públicas se recibiron foron Vigo (6.681), Outeiro de Rei (3.959), Navia de Suarna (2.974), Redondela (2.968), Bueu (2.462), Rianxo (2.261), Cangas (2.252), A Baña (2.254), Mondariz (1.959) e Vilaboa (1.933). Son 140 municipios os que acadaron ata a data máis de 100 achegas toponímicas. As contribucións resultaron de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizara o traballo de campo do PTG, como Santa Comba, Negreira, A Baña, Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo, Silleda, Allariz ou Ponteareas, entre outros moitos.
Hai case 100 concellos do país nos que o 50% ou máis dos topónimos que se poden consultar na base de datos de Galicia Nomeada foron achegados polas persoas usuarias do sistema, unha porcentaxe que se eleva a máis do 90% en concellos como Mondariz Balneario, A Rúa, Soutomaior, A Illa de Arousa, Corcubión, Petín, Vilaboa, Esgos, Outeiro de Rei ou Mondariz.
Por último, cómpre tamén referirse a aqueloutros concellos que comezaron a recoller a súa toponimia tras o paso da campaña Toponimízate, como Ponteareas, que suma máis de 1.900 topónimos recuperados; ou proxectos de recuperación que están a levar diferentes institucións, como os concellos de Salceda de Caselas, Redondela, Allariz, Vilar de Barrio, Padrón ou Barro, e centros de ensino como o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o CPI O Mosteiro de Meis, o IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, o IES Illa de Arousa...