Galicia Nomeada participa na Xornada de Software Libre Científico da Asociación MeLiSA

Galicia Nomeada entrou na Universidade de Santiago de Compostela e foi grazas ao convite feito pola Asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide, MeLiSA, no marco dunha nova Xornada de Software Libre Científico, esta vez centrada nos Datos Abertos, que tivo lugar onte, 10 de abril, na Facultade de Matemáticas da USC.

Este evento, organizado por MeLiSA coa colaboración da USC e o patrocinio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), chegou este ano 2023 á súa quinta edición mantendo o seu obxectivo inicial de promocionar e difundir o coñecemento do software libre científico, converténdose deste xeito nunha cita anual indispensable neste ámbito.

Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada desde o Seminario de Onomástica da RAG, aproveitou esta oportunidade para presentar esta ferramenta para a salvagarda e difusión da microtoponimia galega, ademais de falar sobre a rendibilidade dos datos toponímicos para o mundo da investigación nas ciencias humanas e para os distintos traballos e proxectos da Administración pública que teñen que ver coa xestión do territorio. Outro dos seus obxectivos foi seguir sumando novos colaboradores para este proxecto entre as persoas asistentes, dado que a comunidade formada arredor do software libre destinguese polo seu grande labor de cooperación. Por outra parte, destacou que os datos culturais que figuran na base de datos de Galicia Nomeada tamén están abertos á cidadanía e dispoñibles para descarga a través da plataforma que para este efecto dispón a Xunta de Galicia.

Ademais de Vicente Feijoo, a xornada completouse con outros oito interesantes relatorios que foron ofrecidos por Elena Díaz del Río, da Biblioteca Dixital de Galicia (“A xestión de datos no proxecto Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia”);  Mª Dolores Rico Ramos, do Instituto Nacional de Estatística (“Datos Abertos no INE”);  Rafael Ávila Coya, consultor SIX (“OpenStreetMap: Datos xeográficos libres e colaborativos”); Conchi Méndez García, da Biblioteca Xeral da USC (“Bibliotecas e datos abertos: cara onde camiñamos? Minerva, o repositorio institucional da BUSC hoxe”); Rosa Mª Crujeiras Casais, profesora da USC e directora científica do CITMAga (“Datos abertos: unha oportunidade ou un pesadelo?”); María Martín Vila, do Instituto Galego de Estatística (“Compartindo datos desde o IGE”); Marcos Tesouro Montecelo, de MeteoGalicia (“Datos meteorolóxicos: mide e/ou calcula unha vez para sempre”); e Alberto Permuy Leal, de Codery.

Desde Galicia Nomeada queremos agradecer o convite e felicitar os membros da Asociación MeLisa, especialmente o comité organizador da xornada formado por Mª José Ginzo Villamayor, Rafael Rodríguez Gayoso, Miguel Ángel Rodríguez Muíños e Jorge Lama Varela, polo seu labor para crear comunidade arredor do software libre e polos seus proxectos que serven, entre outras moitas cousas, para mellorar a nosa sociedade. 

Galería de imaxes
Tipos