Galicia Nomeada participará na I Xeira CLARIAH-GAL

O vindeiro 2 de maio terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a I Xeira CLARIAH-GAL, un encontro que ten como obxectivo difundir as iniciativas de Humanidades Dixitais e de Tecnoloxías Lingüísticas para a investigación en Humanidades e Ciencias Sociais emprendidas en Galicia. Na xornada, organizada polo Instituto da Lingua Galega, presentaranse pósters de proxectos, liñas de investigación, recursos ou grupos de investigación e tamén conferencias e comunicacións por convite. E entre estas últimas, a organización tivo a ben convidar o proxecto Galicia Nomeada.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega levará á xeira CLARIAH-GAL a plataforma colaborativa “Galicia Nomeada: un recurso dixital para salvagardar e investigar a toponimia galega”. A súa intervención será a partir das 12:50 horas na Facultade de Filoloxía da USC.

Este será un dos moitos interesantes relatorios que se poderán escoitar nesta xornada, comezando polo que abre a xeira: German Rigau, da Universidade do País Vasco falará dos retos e das oportunidades que ofrece a IA ás Humanidades Dixitais. Podes consultar o programa completo nesta ligazón

A xornada tamén servirá para presentar CLARIAH-GAL, o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte, á súa vez, das infraestruturas europeas de investigación CLARIN -para o tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -centrada no ensino e na investigación no ámbito das humanidades dixitais, isto é, lingua literatura, historia da literatura, filosofía, historia...- Ademais, a I Xeira CLARIAH-GAL pretende pór en contacto as persoas que usan a tecnoloxía para a investigación en humanidades e ciencias sociais, así como para optimizar o desenvolvemento de proxectos e compartir recursos dixitais.

Desde Galicia Nomeada queremos agradecer ao Instituto da Lingua Galega o convite para amosar nesta tan interesante xornada as funcionalidades da nosa plataforma para salvagardar, difundir e investigar a toponimia galega.

 

Galería de imaxes
Tipos