Aprobado o novo Nomenclátor de Galicia

O Consello da Xunta de Galicia aprobou este luns a proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia (NG) que presentou a Comisión de Toponimia o 18 de xullo de 2025. Tras esta aprobación no Consello da Xunta, o novo Nomenclátor (cuxos cambios poden consultarse neste documento) entrará en vigor nas vindeiras semanas cando se publique a través dun decreto no Diario Oficial de Galicia. 

Esta nova versión do nomenclátor de entidades de poboación foi elaborada polos especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e substitúe a anterior ata hoxe vixente, que se remonta ao ano 2003. No ano 2012, a Xunta de Galicia encargoulle ao Seminario de Onomástica da RAG o traballo de revisión, corrección e actualización deste nomenclátor oficial tendo en conta as reclamacións recibidas ata ese momento da cidadanía sobre a forma escrita de determinados nomes de concello, parroquia ou aldea e tamén sobre a ausencia de entidades de poboación diferenciadas na listaxe oficial. 

Con esta revisión cúmprese o mandato recollido no artigo 10 da Lei de normalización lingüística, en que se establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega" e que lle "corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia”. Este precepto da Lei de normalización lingüística tivo un desenvolvemento normativo posterior para establecer tanto a composición da Comisión de Toponimia, como órgano asesor do Goberno de Galicia nesta materia (Decreto 43/1984, do 23 de marzo, modificado polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño); e tamén para crear o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia, a través do Decreto 132/1984, do 6 de setembro

Os cambios máis salientables deste novo Nomenclátor teñen que ver coa denominación de 12 concellos do país: así o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós, en consonancia coas súas atestacións históricas e co uso que a poboación fai do artigo; o municipio coruñés Porto do Son incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, algo que tamén acontece na denominación doutros concellos, nomeadamente O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín e O Castro de Caldelas; no lado oposto, Pastoriza deixa atrás o artigo; Cangas engade o apelido Cangas de Morrazo; A Cañiza restitúe a forma tradicional documentada desde antigo, A Caniza; e Alfoz, recupera o seu nome histórico, Alfoz do Castrodouro. Por último, perden o guión Oza Cesuras, Cerdedo Cotobade e Mondariz Balneario para adaptar as súas denominacións ás Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

O novo Nomenclátor 2026, en datos

O novo Nomenclátor de Galicia que se acaba de aprobar inclúe a denominación dos 313 concellos que forman o país (2 menos que no Nomenclátor de 2003, resultado da fusión dos municipios de Cerdedo e Cotobade e mais os de Oza dos Ríos e Cesuras); coas súas 3.788 parroquias (unha menos que en 2003) e os seus  38.808 lugares ou entidades de poboación (1.503 máis que na anterior versión). En conclusión, este novo Nomenclátor 2026 está composto por 42.909 topónimos

Revisións realizadas para o novo Nomenclátor

Para realizar este traballo de revisión do NG partiuse da base de datos do Nomenclátor de Galicia oficial desde 2003 (NG 2003) e cruzouse coa base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística (INE). Na base de datos resultante deste cruzamento engadíronse os topónimos que figuraban no Nomenclátor do INE 2012 e que non recollía o NG 2003 co fin de estudar e valorar a súa incorporación ao novo Nomenclátor. En total, traballouse sobre unha base con 42.212 rexistros.

Realizáronse dous tipos de revisións: aquelas destinadas a solucionar problemas de tipo lingüístico nos topónimos; e aqueloutras que presentaban incidencias de carácter xeográfico-administrativo.

Os criterios xerais que o Seminario de Onomástica da RAG seguiu para ditaminar e, por tanto, modificar ou manter a súa forma oficial no NG foron catro: malia que o primordial é a etimoloxía de cada unha das denominacións, téñense en conta tamén as atestacións escritas na documentación histórica, especialmente cando a etimoloxía é escura, e tamén a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos; por último e non menos importante, o seminario tamén ten en conta o uso oral e escrito que a veciñanza e as principais institucións fan do topónimo. 

Ademais, procurouse non realizar un novo ditame naqueles casos que presentaban dúbidas. A xuízo dos membros do seminario, cada cambio ten que estar suficientemente motivado, xustificado e documentado, xa que pode supor unha molestia para a cidadanía e as institucións. 

Dentro do primeiro gran grupo de revisións, estudáronse 4.398 topónimos que presentaban algún problema de tipo lingüístico. Destes 4.398, 2.531 foron obxecto dun novo ditame, case 6 de cada 10 dos topónimos sobre os que houbo reclamacións. 

Alén das 12 denominacións de concellos que mudan no NG respecto da versión de 2003, 182 destes novos ditames corresponden a nomes e/ou advocacións de parroquias e 2.335 a nomes de lugar ou entidades de poboación.

 

As 4.951 incidencias revisadas en total (existiron topónimos que foron obxecto de revisión por máis dun motivo) clasificáronse en seis grupos xerais (morfosintácticas, léxicas, gráficas, fonéticas, compostas e advocacións de parroquias). 

A maior porcentaxe de problemas que presentaba o NG 2003 responde á ausencia ou presenza de artigo no nome que figuraba oficializado. Así, realizáronse 1.519 informes que respondían á necesidade de incluír o artigo na denominación oficial. Como exemplo, podemos citar os lugares do Barral, O Couto, O Curriño, O Torreiro, O Fixoi, O Ceán e As Pociñas do concello coruñés de Abegondo. No lado oposto, realizáronse 427 investigacións que ditaminaron eliminar o artigo no NG, como o lugar de Vilar no mesmo concello. 

Os problemas léxicos tamén foron motivo dun gran número de revisións, 927. Especialmente importantes foron as investigacións que se levaron a cabo naqueles topónimos en que se detectou un nome total ou parcialmente distinto, 765; ou aquelas en que se restituíu a forma patrimonial galega de topónimos que figuraban castelanizados no NG 2003, como os varios *A Rectoral que pasan a ser A Reitoral (Cabana de Bergantiños, Santiso, Xermade, Monforte de Lemos, Taboadela, Vilagarcía de Arousa, Ortigueira e Crecente).

Detectáronse tamén 128 problemas coa advocación da parroquia, 80 deles por teren a advocación errada, 45 castelanizada e 3 por careceren de advocación no anterior Nomenclátor.
 
Revisións xeográficas-administrativas

Na revisión do NG detectáronse 13.788 topónimos con algún problema xeográfico- administrativo, que sumaban 16.752 incidencias. Malia que a cifra semella realmente alta, cómpre ter en conta que o 64 % das incidencias corresponde a discordancias co Nomenclátor do INE 2012. Por exemplo, existen 8.817 topónimos que non figuran neste Nomenclátor pero que si estaban no NG 2003. Neste caso, só se deixa constancia desta circunstancia, sen que sexa preciso o estudo e ditame do Seminario de Onomástica da RAG.

Inclusión e exclusión de topónimos no Nomenclátor

Respecto da eliminación ou inclusión de novos topónimos no novo Nomenclátor, incorporáronse 7 parroquias novas que procedían do Nomenclátor do INE e que non formaban parte do NG 2003, como A Coruña, Xuvia (Santa Icía) e Xuvia (San Martiño) -as dúas últimas no concello de Narón-, Os Tilos (Teo), Santo EstevoTeixeira -estas dúas no concello de Baralla- e Sevane (Navia de Suarna). 

Déronse de alta 1.665 lugares novos. O concello que máis topónimos engade no nomenclátor é Foz, con 175, seguido de Lourenzá (56), Narón (53), Ourol (49) e Pontevedra (47).

Gran parte das novas modificacións, unhas 1.123, son de entidades de poboación que non figuraban nin no Nomenclátor do INE nin no Nomenclátor de Galicia 2003: deles, 175 engadíronse no concello de Foz, 55 en Lourenzá, 38 en Cospeito, 38 en Amoeiro e 36 no Porto do Son. Outro grupo importante, 382, eran lugares que estaban incluídos do Nomenclátor do INE pero non figuraban no NG 2003. Neste grupo salienta o caso do concello de Narón, xa que se engadiron 48 entidades de poboación. Outros novos lugares foron engadidos por diversa casuística: 111 resultado da existencia de núcleos de casas co mesmo nome pero diferenciados por adxectivos ou locucións adverbiais (de Arriba, de Abaixo...); 33 por cambiaren de parroquia ou de concello ao que estaban asignados; e por último, 9 lugares compartidos entre dúas parroquias, cando no NG 2003 só figuraban incluídos nunha delas.

No que atinxe ás baixas respecto do nomenclátor vixente ata hoxe, elimináronse 8 parroquias e 155 entidades de poboación que formaban parte do NG de 2003, gran parte delas por seren lugares adscritos a unha parroquia errónea (80) ou porque son nomes de terras, de avenidas, de rúas, de prazas, de aldeas asolagadas ou desaparecidas.

O Nomenclátor 2026 tamén tenta responder á nova realidade urbana das vilas e cidades galegas a respecto das transformacións que están a acontecer nelas desde as últimas décadas do século XX. O crecemento das urbes galegas e dos concellos limítrofes provocou cambios que tamén influíron na súa toponimia, en paralelo á transformación do territorio: naceron novas entidades de poboación e outras desapareceron. Un exemplo desta transformación é o concello da Coruña: desenvolvementos urbanos como o recente Polígono de Visma implicaron a desaparición de dúas entidades de poboación, O Barral e O Coidal, que foron suprimidas do Nomenclátor. Outras entidades tamén eliminadas son O Corgo, desaparecida ao construírse o actual Parque de Oza, ou Carracedo e As Cernadas, en Mato Grande. No lado oposto figuran entidades de poboación de nova creación que se engadiron ao novo Nomenclátor, como O Monte Alfeirán ou O Monte de Mero, onde se prevé o desenvolvemento de novos espazos urbanos. 

En vindeiras edicións do nomenclátor está previsto facer unha revisión exhaustiva dos topónimos referidos aos barrios urbanos das cidades e vilas para valorar a súa inclusión neste documento oficial coa toponimia maior de Galicia.

O Nomenclátor de Galicia: unha obra en constante renovación

A revisión do Nomenclátor de Galicia é un traballo aberto, inacabado, pois tense constancia dun bo número de lugares das provincias de Ourense e Pontevedra que aínda non figuran no Nomenclátor e están pendentes de estudo. Por outra banda, as máis de 4.000 persoas colaboradoras do proxecto Galicia Nomeada achegan decote novas incidencias sobre os topónimos oficiais ou informan da existencia de lugares non rexistrados na listaxe oficial.

O obxectivo do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega é ofrecer cada ano, ou cada dous anos, unha nova versión do Nomenclátor de Galicia máis completa, corrixida e actualizada. A versión que agora se aproba está un paso máis preto da edición definitiva desta complexa e laboriosa obra.
 

Galería de imaxes
Tipos