O CPI de Cova Terreña de Baiona implícase con Galicia Nomeada

Galicia Nomeada non deixa de sumar centros de ensino colaboradores en todo o país. Un dos últimos en adherirse con entusiasmo á iniciativa foi o CPI de Cova Terreña de Baiona: desde hai uns meses, a rapazada está a colaborar coa plataforma de recolla da nosa microtoponimia tradicional e xa incluíu medio cento de nomes deste concello pontevedrés para ampliaren a información recollida anos atrás polo Proxecto Toponimia de Galicia neste concello pontevedrés. De aquí a final de curso, marcáronse novos obxectivos: corrixiren os topónimos mal situados ou que lles falta artigo e completaren as fichas toponímicas con fotos, arquivos de son e outra información relevante.

Brais Costas, docente de Lingua e Literatura Galega, e Almudena Rouco, profesora de  Tecnoloxía, son os coordinadores deste proxecto no centro. Para darlle máis visibilidade e para que a rapazada que participa nel fose consciente da importancia e dimensión cultural de salvagardar os nomes da súa terra, Brais Costas solicitoulle á RAG que Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, se achegase ao centro para darlle unha charla formativa aos 50 alumnos e alumnas de 2º da ESO que están implicados neste traballo. As alumnas encargadas de presentar de despedir ao relator foron Laura e Yaiza.

Vicente Feijoo visitou o centro o día 27 de maio para falarlles a alumnado e profesorado do importante papel que todos eles e elas poden desenvolver neste proxecto colectivo de salvagarda dos nomes de terras, fontes, regueiros, penedos...: son o novo elo dunha cadea de transmisión que desde hai centos de anos soubo manter os nomes das terras e da costa de xeración en xeración ata os nosos días. Agora tócalles a eles perpetuar a memoria dos seus avós e avoas a través das novas tecnoloxías e da aplicación Galicia Nomeada. Para facilitarlles a tarefa de corrección e de mellora da información existente no visor de topónimos, o coordinador técnico da plataforma explicoulles as súas principais funcionalidades, tanto da versión de escritorio como das aplicacións para dispositivos móbiles e centrouse en cuestións como anexar imaxes, audios ou documentos...; tarefas que agardan desenvolver nas últimas semanas do curso, no verán e durante o ano académico 2026-2027.

A seguinte parte da charla serviu para que os nenos e nenas coñecesen a orixe e significado dos nomes das súas aldeas e parroquias. E que mellor que aproveitar recursos como a serie de micropezas documentais O Seminario de Onomástica responde, que lle dedicou un capítulo ao propio nome do concello, Baiona.

Desde Galicia Nomeada agradecemos a iniciativa de Brais Costas Fragueiro e Almudena Rouco. Agardamos que os resultados do traballo sexan produtivos, desde o punto de vista académico e persoal, para o alumnado de 2º da ESO que xa participa neste proxecto, pero tamén agardamos que o seu entusiasmo se contaxie ao alumnado doutros cursos neste centro de ensino.

Galería de imaxes
Tipos