Publicado no DOG o decreto que oficializa o Nomenclátor de Galicia 2026

No Diario Oficial de Galicia número 66 do 10 de abril pode consultarse o Decreto 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia. En consecuencia, a proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia que presentou a Comisión de Toponimia o 18 de xullo de 2025 e que foi aprobada polo consello da Xunta de Galicia o pasado 30 de marzo será oficial e terá eficacia a partir do día 11 de abril de 2026.

O novo Nomenclátor de Galicia pretende salvagardar a identidade que nos define como pobo e difundir a relevancia de conservar a denominación dos lugares como parte fundamental dos galegos e galegas. Os novos ditames que nel se recollen teñen como obxectivo a restauración das formas históricas patrimoniais dos topónimos e para iso tivéronse en conta criterios filolóxicos e históricos baseados na súa etimoloxía, nas atestacións escritas da documentación histórica, na tradición gráfica consolidada, no uso oral por parte da veciñanza e no respecto polas formas dialectais de cada parte do noso territorio.

O presente decreto 27/2026, do que se lles dará conta ás autoridades estatais correspondentes para os efectos que sexan necesarios, substitúe o anterior Nomenclátor. Por tanto, quedan sen vigor o Decreto 332/1996, do 26 de xullo para as entidades de poboación da provincia de Ourense; o Decreto 219/1998, do 2 de xullo, coas entidades de poboación pontevedresas; o Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, que aprobaba o nomenclátor da provincia de Lugo; e o Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente á entidades de poboación da provincia da Coruña.

A partir de hoxe mesmo calquera persoa interesada ten ao seu dispor a nova páxina do Nomenclátor de Galicia, onde poderá consultar os nomes oficiais dos 313 concellos, das 3.788 parroquias e dos 38.808 lugares que forman neste momento a listaxe de nomes oficiais do noso país. Ademais, no portal de Datos Abertos da Xunta de Galicia pode descargarse o nomenclátor integramente nun ficheiro en formato CSV. Estes dous recursos súmanse ao documento que o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega publicou hai dúas semanas, onde se poden consultar todos os novos ditames alén dunha introdución en que se explican os traballos que se levaron a cabo para a revisión do Nomenclátor 2003. 

En consecuencia, nas vindeiras semanas tamén se actualizará a plataforma Galicia Nomeada para que se poida consultar a xeolocalización de toda a riqueza toponímica que constitúe o Nomenclátor de Galicia.

Tipos