Gonzalo Navaza, novo membro da RAG cun discurso sobre a antroponimia de Lalín

O pasado 5 de novembro, o membro do Seminario de Onomástica, profesor e escritor Gonzalo Navaza ingresou na Real Academia Galega como membro de número. Fíxoo cun discurso onde tratou a disciplina que ten para el “unha dimensión identitaria e emotiva” na que se produce “o encontro de dous ámbitos que moven a nosa paixón: a terra e mais a lingua”. Co título de Nomes de persoa na toponimia de Lalín, o discurso do académico centrouse nos antropónimos do concello onde naceu hai 65 anos, non sen antes rememorar o proceso que, nos albores do Estado das autonomías, facilitou a restauración da toponimia deturpada secularmente en toda Galicia. 

En Nomes de persoa na toponimia de Lalín, Gonzalo Navaza debulla máis de sesenta exemplos que son parte dun vasto patrimonio inmaterial da cultura galega cuxo valor vai alén do patrimonial. O discurso de Gonzalo Navaza foi o segundo da historia da Real Academia Galega que profundou na orixe e no significado dos nomes de lugar. O primeiro, titulado La toponimia de Galicia, pronunciouno en 1926 Fernando Martínez Morás, e serviulle a Antón Santamarina para facer na súa réplica un breve excurso historiográfico sobre a toponomástica galega, na que salientou o avance desta ciencia nova na que Gonzalo Navaza é unha das voces máis destacadas.

O discurso de ingreso de Gonzalo Navaza, Nomes de persoa na toponimia de Lalín, pode descargarse nesta ligazón. A seguir, tamén deixamos o vídeo do acto do seu ingreso como membro da Real Academia Galega.

 
Tipos