Galicia Nomeada, protagonista novamente do programa Zigzag da TVG
O programa da Televisión de Galicia Zigzag Fin de Semana serviu unha vez máis de grande escaparate para a difusión do proxecto colaborativo Galicia Nomeada e da gran riqueza cultural que agocha a nosa toponimia. A escritora e xornalista María Solar, toda unha referencia cultural da canle autonómica, entrevistou o pasado domingo 13 de abril a Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto e da Unidade Técnica de Toponimia da Real Academia Galega.
Na entrevista, que podedes ver nesta ligazón, María Solar quixo salientar a importancia deste “gran proxecto de país de memoria colectiva” que ten o obxectivo de salvagardar os nomes das leiras, regueiros, fontes, penedos, camiños... E fixo unha chamada de atención: “son nomes que corren risco de esmorecer (...) pois cando non se usan, eses nomes morren”. Para iso, convidou a todos os galegos e galegas a sumárense a este pequeno exército de máis “4.000 persoas que colaboraron para xeorreferenciar medio millón de topónimos”.
Desde Galicia Nomeada queremos agradecerlles a María Solar e a todo o equipo do Zigzag Fin de Semana a atención que sempre teñen co proxecto e oportunidade que nos ofrecen sempre para presentar os resultados obtidos a toda a súa audiencia.
Novas relacionadas: A serie documental “Os nomes da nosa terra”, protagonista do programa cultural Zigzag da TVG