A importancia do valor cultural da toponimia centrou unha das palestras do ciclo “O mes da fundación Fernando Blanco de Lema”
O mes de outubro é no concello coruñés de Cee “O mes da fundación”. Un ano máis, e van 11 edicións, a Fundación Fernando Blanco de Lema volve encher a vila de Cee co seu programa educativo e cultural co que conmemoran dous acontecementos: o nacemento, nun 18 de outubro de 1796, do grande filántropo ceense e a inauguración, o 2 de outubro de 1886, do instituto que leva o seu nome e que foi construído grazas á doazón que fixo ao concello no seu testamento.
No seu amplo e interesante programa, que inclúe accións no centro de ensino e palestras para o público xeral, a toponimia tamén tivo o seu propio espazo. Darío Areas, organizador das xornadas e coordinador do Museo da Fundación, contactou con Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico da proxecto colaborativo Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, para que impartise un relatorio no que lle transmitise á veciñanza ceense a importancia do valor cultural da toponimia galega a través dos nomes do concello de Cee.
Na palestra, que tivo lugar este sábado 12 de outubro no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee, Vicente Feijoo fixo un repaso pola orixe e significado da toponimia maior ceense (nomes de parroquias e aldeas), como mostra da importancia da información lingüística, histórica e cultural que nos achegan estes topónimos. Ademais, convidou ao público presente a recoller a microtoponimia do seu termo municipal, explicándolles o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo resaltou que, a pesar de que son poucos os lugares e parroquias que conforman o Concello, existe unha cantidade importante de topónimos únicos dos que descoñecemos o significado, o que serve para enriquecer aínda máis o seu valor cultural, tales como Estorde, Berroxe, Fadibón ou Cantorna son verdadeiras incógnitas toponímicas. Tamén atopamos en Cee un topónimo ben recoñecible para o público xeral, Xallas, que xerou unha abundante literatura científica ao seu redor e que repasamos neste artigo.
O programa O mes da fundación, que se iniciou a sábado 5 de outubro cunha conferencia de Irene García Losquiño, comisaria da Exposición “Unha vida vikinga” da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, sobre “A escandinavia vikinga e os seus contactos interculturais”, continuará o vindeiro sábado 19 cun concerto didáctico a cargo de Pablo Carpinteiro e Rosa Sánchez, músicos, investigadores e artesáns. O día 26 poderemos ver a obra de teatro "O Traballo de Andrea" do Colectivo Cultural Ollomao.
Desde Galicia Nomeada agradecemos o convite da Fundación Fernando Blanco de Lema, en especial de Darío Areas, por darlle espazo á toponimia nas súas máis que interesantes xornadas culturais.