Modesto García é recoñecido pola súa doazón de 8000 topónimos ao proxecto Galicia Nomeada
A Modesto García Quintáns sempre lle gustou camiñar polo monte. Cando de mozo estudaba no antigo instituto laboral de Cee percorría a pé cada mañá os 9 quilómetros de distancia entre a súa casa, na parroquia dumbriesa de Buxantes, e o centro de ensino que acababa de abrir. “Saía cando aínda era noite do lugar de Vilar, e non era raro que me atopase o lobo”, lembra. Xa xubilado, o enxeñeiro en topografía volveu percorrer os camiños de Dumbría, desta volta palmo a palmo, cun obxectivo claro no que conxugou oficio e paixón: completar o mapa topográfico do seu concello. “Coñezo todo o territorio como se fose a miña casa. Recorrín todos os regatos, rexistrei as leiras, os muíños, as fontes... e tamén mámoas e outros restos arqueolóxicos”, resume. O traballo implica máis de 8000 microtopónimos xeorreferenciados que constitúen un material documental de enorme valor cultural e de interese para a investigación que entregará en doazón a Real Academia Galega para a súa incorporación ao gran banco de datos toponímicos de Galicia, a plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
A Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, responsables de Galicia Nomeada, agradeceron a doazón nunha homenaxe celebrada este mediodía no Centro Social de Dumbría. O presidente da RAG, Víctor F, Freixanes, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixéronlle entrega dun diploma de recoñecemento “polo agasallo que fai á cultura de Galicia” coa súa doazón nun acto no que tamén participou o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado.
Tras a entrega dos microtopónimos, os filólogos do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega revisarán e validarán todos os nomes para poder incorporalos a Galicia Nomeada, o proxecto centrado na recuperación da microtoponimia do país contando coa colaboración interxeracional de milleiros de persoas voluntarias que achegan dende o seu territorio máis próximo, mesmo familiar, os nomes de chousas, regos, penedos, leiras ou devesas que corren o risco de se perder.
Funcionario do Instituto Xeográfico Nacional, logo de exercer en Valladolid, a finais dos anos 70 Modesto García Quintáns incorporouse á nova delegación galega da entidade dependente do Goberno de España, con sede na cidade da Coruña. O seu traballo consistía fundamentalmente en percorrer Galicia para actualizar o rostro do país contando cos últimos avances do momento na especialidade. “Traballei moito na rede xeodésica, na instalación dos puntos nos montes que permiten logo trazar a cartografía, e tamén na actualización do mapa topográfico de Galicia”, recorda o enxeñeiro, que foi distinguido polas súas achegas nese período coa Cruz de Oficial da Orde de Isabel A Católica.
Pero alén das súas obrigas laborais, consciente das equivocacións cos nomes das agras e leiras que se adoitaron producir nos rexistros para o Catastro e a concentración parcelaria, Modesto comezou a recoller e xeorreferenciar os microtopónimos do seu concello natal, contando coa veciñanza como informante. “Doíame moito ver como no proceso da concentración parcelaria se puñan os nomes na cartografía sen ton nin son, con formas mal recollidas e tamén fóra da súa situación real. Nos mapas daqueles tempos un rótulo dun nome longo podía tapar uns lindes e non era raro que o delineante acabase movéndoo sen xeito. Á escala, uns centímetros poden ser centos de metros. Cando se expuña todo para as reclamacións, os veciños non se fixaban nos nomes, só nos ferrados, e por iso hoxe nos planos do Catastro hai tantos erros”, conta. Prácticas deste tipo explican –comenta como exemplo– que se lle estea a chamar Chan das Lagoas ao alto no que se instalou o radar de seguimento marítimo do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, a 530 metros sobre o nivel do mar, nun lugar “que nin é nin foi chan, nin ten lagoas”.
Ao se xubilar en 2008, a atención que sempre lle prestara ao territorio da súa infancia e ás súas manifestacións culturais intensificouse. Modesto comezou a percorrer metro a metro todas as aldeas de Dumbría de maneira sistemática para completar o seu mapa topográfico, recollendo milleiros de nomes de leiras ou regos, mais tamén de muíños, hórreos ou túmulos prehistóricos. En ocasións estas saídas realizounas coa compaña do historiador Fernando Alonso Romero, interesado no patrimonio arqueolóxico, e completou a información recollida oralmente con abondosa documentación consulta en bibliotecas e arquivos, repasa o topógrafo, que en 2009 publicou un libro sobre a historia, as tradicións e os costumes do concello de Dumbría que agarda reeditar.
A base de datos que o topógrafo e divulgador lle cede á RAG contén ademais os oicónimos de Dumbría, os nomes das casas do municipio polos que eran coñecidos sos seus habitantes. “Este traballo fíxeno nos anos 60. Cando se instalou o teléfono en todas as aldeas do concello, Telefónica publicou unha listaxe cos nomes e apelidos dos veciños, pero a xente coñecíase entre si sobre todo polos nomes das casas. Daquela eu completei esa lista cos alcumes familiares e rexistrei nun plano as coordenadas de cada casa”, detalla.
A súa é a Casa dos Modestos. “Chámase así polo meu avó. Emigrara ao Brasil e regresou con certa posición económica. Daquela pedíanlle moito que apadriñase cativos, que sempre se chamaban Modesto, coma min. Se cadras con algún Modesto en Dumbría, algunha relación coa miña familia ha ter”, comparte.
Modesto García Quintáns foi en todo caso un rapaz de aldea: “Son fillo de labradores. Cando era estudante tiña que ir igualmente coas vacas ao prado ou a apañar a herba”. Un fillo da terra onde medrou que hoxe lle devolve a inmortalidade a un dos seus tesouros máis prezados que é o rico patrimonio inmaterial dos nomes da terra, creado polos devanceiros e transmitido durante séculos, xeración tras xeración.