Neste mes dos santos, Carnota estreou as charlas Toponimízate

Máis de 50 carnotáns moi activos acudiron este venres 5 de novembro ao Salón de Plenos da Casa do Concello de Carnota para asistir á charla Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, divulga o valor da nosa toponimia tradicional e procura colaboradores para salvagardala a través da aplicación Galicia Nomeada.

Merche Noceda, primeira tenente de alcalde, foi a encargada de presentar a Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG e encargado de conducir o evento que, como noutras ocasións, estivo dividido en diferentes partes.Na primeira, as persoas asistentes coñeceron o valor da riqueza toponímica e o risco que corre de perderse, tanto en Carnota como en Galicia; de aí, a importancia de colaborar na súa salvagarda. Para iso, aprenderon o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza e mesmo enviar suxestións de corrección sobre os máis de 3.000 nomes de lugar existentes na plataforma neste municipio carnotán, que foran recollidos anos atrás a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG).

Na segunda parte do relatorio, o público que asistiu á Casa da Cultura coñeceu a orixe e significado dos nomes das parroquias e das entidades de poboación deste municipio, comezando polo do propio concello, Carnota. Tanto este nome coma O Pindo teñen suscitado abondosas reflexións e debates en canto á súa orixe e mesmo se ten suxerido que Carnota puido ser o nome antigo ou alternativo do monte Pindo.

Carnota é topónimo de orixe prerromana formado a partir dun radical CARN, un dos derivados da raíz car ou kar , ‘lugar pedregoso’. Tamén se falou dos nomes dos santos patróns das dúas parroquias chamadas Carnota, San Mamede e Santa Comba. Do primeiro é interesante saber que esta advocación é característica de parroquias situadas en elevacións montañosas, xa que San Mamede foi un santo anacoreta que deu nome a varias serras e lugares altos cos seus correspondentes santuarios. No caso de Santa Comba, segundo a tradición popular, esta mártir cristiá era considerada unha meiga que se converteu cando atopou a Xesucristo, pois este díxolle: “Enmeigar enmeigarás, pero no meu reino non entrarás”.

Esta parte do relatorio contou coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica e recentemente elixido académico de número da Real Academia Galega.

O Irixo, Meaño e O Barco de Valdeorras, próximas datas Toponimízate no mes de novembro

O vindeiro venres 12 de novembro, Toponimízate recalará no Irixo a partir das 18:30 horas na sala multiusos da Casa do Concello; unha semana despois, o 19 de novembro, a rapazada do IES de Meaño, do CEIP Coirón-Dena e do CEIP As Covas mais a veciñanza de Meaño asistirán á segunda charla telemática desta temporada, que tamén poderá seguirse a partir das 12:00 h na Casa da Cultura de Dena e na canle de Youtube da Real Academia Galega. O Barco de Valdeorras será o encargado de pechar as charlas Toponimízate neste mes de magostos; a cita, tamén telemática, será a partir das 16:30 e poderá verse no IES Lauro Olmo, no IES Martaguisela, na Casa da Cultura e na Aula CEMIT deste concello ourensán.

 

Galería de imaxes
Tipos