Noia coñece a importancia da salvagarda da nosa toponimia

A campaña Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra arribou este xoves ao concello coruñés de Noia onde as persoas que asistiron á Casa da Cultura aprenderon da man de Vicente Feijoo, responsable de Toponimia da Real Academia Galega, a importancia da salvagarda da nosa toponimia e microtoponimia tradicionais.

No acto, que foi presentado por Oliva Fraga, técnica de Cultura do Concello, e por Ana Filgueiras Rei, arqueóloga municipal, participaron moitas persoas que traballan a prol da historia e das tradicións culturais deste municipio, todas elas desexosas de coñecer o funcionamento da nova plataforma Galicia Nomeada para participar na recolleita da microtoponimia noiesa.

Tamén puideron escoitar as distintas hipóteses que se teñen proposto para explicar a orixe e significado do topónimo Noia, desde as máis fantásticas que o relacionan con Noela, o nome da neta de Noé (de aí que no escudo municipal apareza debuxada a barca de Noé), ata as máis científicas, como a de Bascuas, que fai derivar dunha raíz hidronímica indoeuropea neigw- ‘lavar’, de modo que Noia podería ser orixinariamente un ‘lavadeiro ou lugar de baño’. Non sería o único topónimo prerromano, pois os nomes das parroquias Argalo, Boa, Obre e Roo terían tamén esta orixe remota. Como curiosidade, podemos destacar que o sonado lugar da Ponte Nafonso foi en orixe *A Ponte de don Afonso, en referencia ao rei, por iso se conserva ese N- no topónimo actual .

Noia foi unha das paradas da campaña Toponimízate que nos meses de novembro de decembro percorreu 16 localidades. As seguintes charlas toponimízate terán lugar en Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra, 14:30 horas), Cerdedo Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples, 15.45 horas), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e en Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas).

Galería de imaxes
Tipos