O Arquivo de Galicia, depositario das fotografías aéreas en papel que usou o PTG para recoller a microtoponimia galega

O Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, será o lugar definitivo onde queden depositadas as fotografías aéreas que se usaron no traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia para situar case medio millón de topónimos e microtopónimos de Galicia nos seus 11 anos de existencia (2000-2011).

O Proxecto Toponimia de Galicia, cuxo obxectivo era a recolla sistemática da toponimia e microtoponimia do país, estaba baseado en enquisas orais que os técnicos e técnicas de campo realizaban in situ con informantes nativos de cada un dos concellos nos que se traballou. Para este traballo, empregábanse fotografías aéreas a escala 1:3000 impresas en papel nas que os técnicos situaban manualmente os topónimos que despois serían dixitalizados en gabinete.

Nos anos que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia finalizouse o traballo de campo en 113 municipios e actuouse en 174, polo que o Arquivo de Galicia acubilla unha gran cantidade de imaxes aéreas nas que tamén se delimitaba o espazo que idenfica cada topónimo superficial, ademais de permitirnos a observación dos cambios producidos na paisaxe e no territorio.

Se precisa ou ten interese en consultar algunha destas fotografías do traballo de campo do PTG, contacte connosco.

Tipos