O Concello de Redondela recupera e difunde a súa microtoponimia tradicional
O Concello de Redondela acaba de presentar un ambicioso proxecto de recuperación e de difusión da súa microtoponimia tradicional no que Galicia Nomeada tamén está presente.
Segundo explicou a alcaldesa do concello, Digna Rivas, a intención do proxecto é recuperar a microtoponimia redondelá pois é “un dos elementos do patrimonio inmaterial valorados pola UNESCO como de especial protección que corre serio risco de desaparición coa morte de cada persoa maior”.
A acción inclúe a publicación de tres libros coa microtoponimia das parroquias de Cabeiro, Negros e Vilar de Infesta, recollida no seu momento pola cooperativa redondelá Tres Pés. En cada un dos libros, a licenciada en Filoloxía Cora Represas fai un estudo do significado dos microtopónimos de cada freguesía. Estes tres libros vanse publicar en formato papel e vanse distribuír de xeito gratuíto entre a veciñanza, pero tamén se poden descargar en formato PDF na páxina web que creo o concello para tal efecto mais na sección “Publicacións de interese” do portal Toponimia de Galicia. A web municipal sobre a toponimia de Redondela foi creada coa colaboración da Deputación de Pontevedra e neste momento xa se pode consultar o significado de máis de 350 topónimos das mencionadas parroquias.
Baixo esta acción tamén se presentou unha unidade didáctica elaborada conxuntamente cos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino do concello. Con ela preténdese facer partícipe a comunidade escolar na importancia da salvagarda da toponimia e do seu valor como patrimonio cultural de todos os galegos e galegas.
A colaboración con Galicia Nomeada é outra das patas do proxecto redondelán, pois o técnico de Normalización Lingüística deste concello, Xurxo Martínez, está xeolocalizando cada un destes microtopónimos na plataforma colaborativa da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia. A Pedra de Vigo de Fóra, Fonte das Trasxugueiras ou As Cobradas son só unha pequena mostra dos topónimos redondeláns que se recuperaron grazas a esta iniciativa.
Desde Galicia Nomeada queremos transmitir a nosa beizón a esta iniciativa do Concello de Redondela e agradecer a súa colaboración co noso proxecto