O Concello de Tui e a Asociación Cultural Xuntanza de Randufe tamén se toponimizaron

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegou ata os lindeiros do país con grande éxito de participación. A Casa da Cultura de Randufe, en Tui, encheuse para recibir a campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, está a percorrer o país de norte a sur para concienciar a poboación sobre a importancia da nosa toponimia tradicional e a necesidade da súa recollida.

A cita comezou sobre as 20:00 horas e prolongouse por máis de dúas produtivas horas. Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade de Tui, foi a encargada de presentar este relatorio, acompañada polo propio alcalde tudense, Enrique Cabaleiro González, e dous membros da Asociación Cultural e Deportiva Xuntanza de Randufe, Miguel Ángel Martínez González e Manuel Diz González,  presidente e tesoureiro respectivamente, en cuxa sede tivo lugar este encontro.

Non é a primeira vez que Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, visita Tui este ano: acudiu en marzo por iniciativa do IES San Paio, en especial das profesoras de Lingua e literaturas galegas Eva María García Rey, Isabel Castaño Vicente e Monserrat Teixeiro Sánchez. Neste instituto ofreceu unha charla na que procurou a implicación dunha parte do seu alumnado e profesorado. 

Desta volta, o obxectivo foi ampliar ao resto da poboación tudense a recolla da súa toponimia tradicional tomando como exemplo o labor de persoas como Helena Pousa, profesora xa xubilada que engadiu en Galicia Nomeada máis de 300 topónimos de Tui, a maior parte deles da parroquia de Areas, tamén presente na charla. Outros profesores acudiron a esta cita de Randufe, como Xosé Lois Refoxos e Pepe López González, docentes de Lingua a Literatura galega do IES Indalecio Pérez Tizón, e Laureano Alonso, especialista de latín e  cultura clásica do IES San Paio, tamén dispostos a colaborar no proxecto. Agradecemos o compromiso e implicación de todos eles, pois aínda son moitos os topónimos que quedan por rescatar en todo o concello tudense, xa que os traballos de recolla están case sen iniciar en 10 das súas freguesías.

A formación no funcionamento da aplicación Galicia Nomeada destes futuros colaboradores ocupou unha boa parte da charla de Vicente Feijoo, deténdose en explicar o proceso para darse de alta, a inclusión dun novo topónimo, como engadir arquivos de audio, foto ou vídeo á ficha dun topónimo ou mesmo como enviar suxestións sobre a toponimia xa existente na plataforma. 

A parte máis técnica do obradoiro foi seguida pola máis filolóxica, a explicación do significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello. Tamén foi a máis participativa, pois moitas das persoas asistentes puideron coñecer o significado dos barrios nos que viven e preguntar polos nomes de terras, cruceiros... que lles resultaban curiosos, como o caso dun cruceiro chamado O Cristo de Matasogras

Entre as etimoloxías que máis sorpresa causaron, cómpre salientar a da freguesía de Malvas. A priori, poderíase pensar que se trata dun fitotopónimo referido á planta homónima, a malva, pero, tendo en conta que na documentación medieval aparece sempre escrito como Malones, pode tratarse dun topónimo prerromano composto pola raíz MAL- ’monte, altura’ e mais o sufixo átono –ONES, habitualmente usado en xentilicios. Por tanto, o seu significado sería algo semellante a 'os habitantes do monte, os da parte alta'

Desde Galicia Nomeada dámoslle as grazas especialmente oo técnico de cultura do concello de Tui, Rafael Sánchez, e a Manuel Diz, tesoureiro da ACD Xuntanza de Randufe, pola súa implicación e interese en levar adiante este proxecto no seu municipio e pola organización deste produtivo encontro.

O venres, unha nova charla en Trasmiras

Toponimízate continúa mañá no sur do país, desta volta na provincia de Ourense. A Casa da Cultura de Trasmiras, a partir das 20:00 horas, poralle o ramo ás charlas neste mes de outubro, que continuarán con outras oito sesións durante novembro e decembro. 

Galería de imaxes
Tipos