O rescate da toponimia camariñá centrará a charla Toponimízate desta semana

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra muda de provincia nesta última semana do mes de xuño. Logo de visitar os concellos ourensáns de Vilar de Santos e Cualedro nas dúas primeiras citas desta temporada, a iniciativa con que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua percorren o país na procura de persoas e entidades comprometidas coa nosa toponimia fará parada en Camariñas o vindeiro venres 28. O lugar escollido polo Concello e pola Asociación A Croa para realizar esta actividade foi A Casa de Pedra (avenida da Coruña s/n), que comezará as 20:00 h e será presentada polo xornalista da Radio Galega Xusto López Carril e pola alcaldesa Sandra Insua.

A campaña acode a estas terras da Costa da Morte coa intención de ampliar o seu exército de voluntarios para encher de nomes de lugar a base de datos da plataforma Galicia Nomeada. E faino nun concello como o camariñán por varios motivos: porque non foi obxecto de recollida durante os anos que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011); porque apenas conta con colaboradores inscritos na plataforma; e polo interese do Concello e da Asociación de Montes A Croa, nomeadamente da xornalista Chus Castro, en levar adiante este proxecto de recuperación dos nomes menores do seu territorio e do seu mar.

Como de costume, o encargado de impartir o relatorio será Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, que centrará a súa intervención en explicar o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada e as súas principais características: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, audios ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...

Ademais das cuestións técnicas, tamén se falará polo miúdo da orixe e significado dos nomes que forman parte da paisaxe cotiá dos camariñáns, unha parte do relatorio que conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, experto en toponimia e académico da RAG. Un destes nomes máis significativos e recoñecibles no termo municipal de Camariñas é o do Cabo Vilán. Este topónimo aparece na cartografía histórica como Belén, Velem, Bellam, Veillane, Vilán... e foi castelanizado en Villano, ao se interpretar como un derivado do latín VILLANO ‘habitante dunha vila’, significado que posteriormente foi ampliado a 'ruín' ou 'persoa que demostra baixeza'. Porén, trátase dun topónimo de etimoloxía controvertida para o que tamén se barallaron outras hipóteses como a de relacionalo co sobrenome VIL(L)ANUS ou cun ornitónimo relacionado coa ave de rapina chamada miñato, entre outros.
 

Tipos