Os cativos do Carballiño coñecen a súa toponimia

O pasado venres 21 de abril, o alumnado do segundo ciclo de Primaria dos centros Vila do Arenteiro e Sagrado Corazón desprazáronse ata o Auditorio Municipal do Carballiño para recibiren unha clase moi especial: coñeceren os segredos que gardan os nomes de lugar do seu concello e o importante papel que elas e eles xogarán na supervivencia e transmisión da toponimia de Galicia. 

A iniciativa partiu da traballadora do Servizo de Normalización do Concello do Carballiño, María Justo, quen lle propuxo á Real Academia Galega levar a mensaxe da campaña Toponimízate aos nenos e nenas máis cativos do seu municipio. É moi importante que as xeracións máis novas saiban da riqueza cultural que agochan os nomes de lugar e como poden participar nos vindeiros anos na súa salvagarda a través das novas tecnoloxías.  

A charla, loxicamente adaptada á idade dos escolares asistentes, foi impartida polo coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, que estivo acompañado na presentación da actividade pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística do concello do Carballiño, Guadalupe Sobrado, e pola coordinadora provincial dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da Xunta de Galicia, Manoli Maseda.  

Como é costume nestas charlas con centros de educación primaria, o alumnado amosouse moi participativo e foron moitas as preguntas que lle lanzaron a Vicente Feijoo sobre os nomes que forman parte da súa paisaxe cotiá, pero sobre todo polo uso da aplicación Galicia Nomeada desde os dispositivos móbiles. Unha parte destas charlas que sempre capta a máxima atención dos asistentes, desde nenos a adultos, é a explicación do significado dos nomes dos lugares e parroquias do concello. Así, por exemplo, o nome da parroquia de Piteira foi dos máis comentados, pois a pesar da crenza popular de relacionalo coa cría das galiñas ou pitas, non ten nada que ver con elas. O máis probable é que proceda da raíz *pett-,*pitt- 'prominencia, costa, pendente' e que faga referencia á orografía do terreo. Outro dos topónimos que máis atención provocou foi o de Lobás 

Por último, non podemos acabar este artigo sen antes agradecer a Badal Novas, o medio de comunicación dixital das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, a súa asistencia á charla e a súa entrevista a Vicente Feijoo que colgaron na súa páxina web:  

Agardamos que os cativos e cativas do Carballiño tomasen boa nota de todo e que, a partir de agora, tamén acheguen o seu gran de area ao proxecto Galicia Nomeada preguntándolle aos seus avós e bisavós polos nomes das terras do Ribeiro.

Galería de imaxes
Tipos