Os centros de ensino de Xinzo de Limia suman novos colaboradores ao proxecto Galicia Nomeada

A recuperación da nosa toponimia tradicional regresou este mércores ao IES Lagoa de Antela. Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, volveu a Xinzo de Limia cinco anos despois de que este centro fose un dos primeiros en acoller a campaña Toponimízate, alá polo 2018. Nesta ocasión, foi Loli Cid, profesora de Lingua e literatura galega, quen contactou coa Real Academia Galega para solicitar esta actividade co obxectivo de formar as novas xeracións de alumnos e alumnas na interesante e didáctica tarefa de recuperar e difundir o patrimonio cultural que reside na microtoponimia das terras limegas.

No salón de actos agardaban os grupos de 3º da ESO e de 1º e 2º de Bacharelato do centro. Que o alumnado de 4º da ESO non asistise non foi casual, pois eles foron a vangarda da recuperación toponímica en Xinzo de Limia. Durante o presente curso escolar crearon unha conta en Galicia Nomeada e con ela achegaron xa máis de 300 topónimos. O obxectivo da charla foi, por tanto, agradecer o seu traballo e procurar que os seus compañeiros do IES recollesen a remuda e sigan o seu exemplo.

Ademais do alumnado do IES Lagoa de Antela, tamén se achegaron ao centro os seus veciños e compañeiros dos cursos de bacharelato do IES Cidade de Antioquía, acompañados polo profesor de Lingua e literatura, Santiago Raposo. Estes xa viñan co traballo avanzado, pois algúns deles xa lles fixeron enquisas toponímicas aos seus avós apuntando os nomes de leiras, montes, camiños, fontes... sobre un plano ou imaxe aérea en papel e agora, despois de remataren os exames finais, dedicaranse a incluílos na aplicación Galicia Nomeada.

Por tanto, non podía haber outra protagonista na charla que non fose a aplicación colaborativa Galicia Nomeada: as súas funcionalidades e características, como incluír topónimos, como cambiar as capas de imaxe, as diferentes tipoloxías... para poder continuar co traballo de recuperación dos nomes das terras na comarca da Limia, pois a estes dous institutos acoden rapaces e rapazas de distintos concellos limiaos.

Ademais da parte práctica do obradoiro, o alumnado tamén prestou moita atención á parte en que se explican as orixes dos lugares e parroquias que forman parte da súa contorna, nomeadamente, as do concello de Xinzo de Limia. Entre elas, o da propia lagoa, A Antela, diminutivo de anta, 'dolmen' ou 'pedrafita', á súa vez do latín ANTAE, -ARUM 'pilastra, esteo'; ou o do propio concello, cuxa orixe do seu primeiro elemento, Xinzo, aínda está hoxe en día sen resolver por parte dos especialistas na materia. A priori, pénsase que precede do latín GENICIU ou GENECEU, tal como aparece na documentación medieval (Geneceo, 942; Genicium, 114...), e podería formar parte da familia léxica dos verbos GENERE e GENERARE ‘xerar, enxendrar’, malia que non está claro o seu valor e significado. Elixio Rivas teorizou sobre un nome propio de posesor ou fundador; tampouco se pode descartar que se trate do nome común “geniciu” que pode ter o significado de ‘viveiro, sementeira’. Canto o nome do segundo elemento, Limia, trátase do nome do río que atravesa estas terras. Este contén unha base hidronímica prerromana *LEM- / *LIM- co significado de ‘pantano, terra alagadiza’, común a moitos topónimos galegos como Lema, Lemaio, Limiñón, Limeres, Limodre... Está emparentado co apelativo hispánico limo ‘lama ou vexetación verde e viscosa que se forma nos sitios húmidos e nalgunhas correntes de auga'. Calquera que observe o río Limia poderá observar que está cheo destes limos nalgúns tramos do seu percorrido.

Desde esta páxina aplaudimos e agradecemos todo o traballo de recuperación da nosa microtoponimia que están a facer os dous centros de Xinzo de Limia, o IES Lagoa de Antela e o IES Cidade de Antioquía. Son dous bos exemplos de como se pode traballar nas aulas con Galicia Nomeada e aprender contidos a través da toponimia local. Esperamos que esta iniciativa sexa replicada noutros institutos do país antes de que se sigan perdendo máis topónimos.

Galería de imaxes
Tipos