A rapazada de Manzaneda coñece o valor da nosa toponimia
A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chegou este mércores 6 de novembro ao concello ourensán de Manzaneda, onde os cativos e cativas do CEIP Manzaneda puideron coñecer da man de Vicente Feijoo Ares algunhas curiosidades sobre os nomes de lugar e a orixe dos topónimos máis próximos.
O alcalde do concello, Amable Fernández, e mais a directora do centro, Ana Peña, foron as persoas encargadas de presentar a charla de Vicente Feijóo, na que a rapazada participou con moito entusiasmo e mesmo preguntaron polos nomes que eles coñecían.
O venres 8 de novembro a cita será en Ribadavia, a partir das 18 horas no centro social da vila.
Sobre Toponimízate
A campaña Toponimizate. Coñece os nomes da túa terra ten por obxectivo divulgar o valor da toponimia tradicional galega e dar a coñecer a nova aplicación colaborativa que lles permitirá proximamente participar na preservación e difusión da microtoponimia a través da súa xeolocalización. Ademais, explicaranse con exemplos prácticos as utilidades desta información xeolocalizada e normativizada para as distintas actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, Catastro...), para a promoción turística de elementos de interese cultural de cada concello ou mesmo para o ensino, polo carácter transversal e multidisciplinar dos contidos toponímicos.