A rapazada do IES O Milladoiro conseguen que lle chamen ao centro polo seu nome

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES do Milladoiro, dirixido pola profesora de lingua e literatura galega Valentina Formoso, levou a cabo unha campaña para que lle chamen ás cousas polo seu nome, neste caso ao seu instituto.

Durante tempo, un cartel situado na Casa da Cultura sinalaba o camiño cara ao centro escolar a través dun indicador en que se podía ler "IES Milladoiro". Un grupo de alumnas decidiu elaborar un cartel reindivicativo e escribiron unha carta dirixida á concelleira de Normalización Lingüística e mais ao alcalde de Ames en que solicitaban que se mudase o indicador polo correcto, IES do Milladoiro, posto que o topónimo oficial da localidade onde se sitúa o centro ten artigo, O Milladoiro.

E tiveron resposta: a concelleira de Normalización, Escarlata Pampín, recoñeceu o "erro toponímico" e comunicoulles, tamén por carta, que ían realizarse os trámites oportunos para mudar o cartel. Actualmente xa se pode ver o cartel corrixido. Esta campaña do equipo de dinamización está enmarcada dun proxecto maior sobre toponimia do concello de Ames que, pola pandemia e o confinamento, quedou adiado para o curso 2020-21. Agardamos ver moi pronto os seus resultados.

Podedes atopar máis información na páxina do IES O Milladoiro.

Galería de imaxes
Tipos