A toponimia volve estar presente na iniciativa “Modo galego, actívao!” deste ano 2025

Arredor de 2.500 nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria (só 1º e 2º da ESO) de 10 centros de ensino do concello de Ames volven marcarse o reto de activaren o seu “modo galego” neste ano 2025. Ao longo dun mes, entre xaneiro e febreiro, a rapazada amesá súmase ao proxecto de compromiso lingüístico creado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames co nome de  Modo galego, actívao!, unha colaboración ben frutífera que manteñen as dúas institucións desde hai tres anos e que procura dinamizar a lingua galega nun dos ámbitos máis necesitados hoxe en día, a infancia e a mocidade.

Os diferentes centros que participan na iniciativa promoven no mes do modo galego toda unha serie de retos e reflexións para normalizar o uso do idioma, non só no día a día nas escolas, senón tamén no ámbito extraescolar, familiar e nas actividades de lecer. Como xa aconteceu en edicións anteriores, a toponimia e a plataforma Galicia Nomeada volven ter protagonismo, desta vez cun reto moi especial: “Tentamos lograr o superpoder da omnipresencia”.

A través deste reto preténdese transmitir a importancia que ten a toponimia na nosa vida e na nosa cultura. Como ben lle indica á rapazada Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, no vídeo introdutorio á acción diaria do programa,   “a toponimia galega fainos aos galegos únicos en toda Europa pola súa variedade, cantidade e antigüidade”. Cómpre que o alumnado saiba do valor dos topónimos como patrimonio cultural e da importante información que nos achegan sobre a lingua a e historia do noso país.

A acción que propuxo o equipo técnico do “Modo galego, actívao!” para traballar a toponimia dun xeito sinxelo e ameno consiste en regalarlles aos seus compañeiros algo moi especial e único, un topónimo: un nome de lugar que lles guste moito ou que lles traia fermosas lembranzas, como por exemplo o nome da aldea onde pasan os veráns cos avós e avoas. Para quen non se lle ocorra ningún nome, pode buscalo no visor de topónimos de Galicia Nomeada ou no libro Toponimia de Ames (dispoñible nesta propia páxina). Co topónimo escollido, teñen que realizar unha figura de papiroflexia, escribir nela o nome e introducila nunha caixa. Logo de mesturar todas as creacións, cada rapaz ou rapaza, ou mesmo os seus profesores e profesoras, sacarán o seu propio agasallo.

Desde Galicia Nomeada, agardamos que todo o alumnado dos centros de ensino amesáns aproveite esta iniciativa para coñecer de forma lúdica a riqueza toponímica de Galicia. Tamén queremos agradecerlles aos compañeiros do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega o seu convite para que participemos nesta máis que interesante e produtiva iniciativa. Longa vida ao “Modo galego, actívao!”.
 

Tipos