Toponimízate espalla na Pobra do Brollón o valor da nosa toponimia

Toponimízate 2023 regresou a un dos lugares máis fermosos da nosa xeografía, A Ribeira Sacra. Fíxoo este venres, no que a campaña da Real Academia Galega e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística visitou o concello da Pobra do Brollón para transmitir a importancia da nosa toponimia tradicional e procurar novos colaboradores para a plataforma Galicia Nomeada.

A charla tivo lugar na Casa da Cultura da Pobra do Brollón ante ducias de persoas que se achegaron con entusiasmo a pesar das inclemencias meteorolóxicas deste outono chuvioso que estamos a vivir. Alí, Noelia Besteiro Balado, concelleira de Cultura, Benestar e Igualdade, ademais de profesora de lingua e literatura galegas no ensino secundario, foi a encargada de presentar o evento. Como boa filóloga, a concelleira citou a Vicente Risco para destacar que cando o noso intelectual galego definiu unha nación “insistiu no valor da terra, por ese fondo sentimento da terra que distingue a alma galega, porque non hai lugar sen nome e iso é precisamente a toponimia, os nomes da nosa terra”. Noelia Besteiro rematou facendo fincapé ante a súa veciñanza que o nome da Pobra do Brollón “fainos diferentes e fainos existentes”.

Tamén estiveron presentes en primeira fila outros membros da corporación municipal como o propio alcalde do concello, Xosé Lois Maceda Vilariño, que non quixo perder detalle para involucrarse neste proxecto colaborativo, e mais o concelleiro de Medio Rural, Deportes, Medio Ambiente e Turismo, Ricardo Rodicio. A este último interesoulle moito esta iniciativa, xa non só pola utilidade de toda a esta información cultural ten para traballar o turismo e outros asuntos sobre a xestión do territorio do seu termo municipal, senón desde o punto de vista persoal, ao ser consciente da perda acelerada deste patrimonio inmaterial que representa a microtoponimia galega.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e relator da charla, procurou desde o comezo da súa intervención pór en valor a importancia dos nosos nomes de lugar e as súas aplicacións prácticas máis alá das filolóxicas ou de investigación. Por iso quixo facer fincapé na necesidade de recuperarmos a nosa toponimia non só como patrimonio inmaterial de todo o país, senón tamén polo seu valor na nosa vida cotiá. Para lograr este obxectivo, explicoulles ás persoas presentes o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada: como solicitar unha conta, como introducir un topónimo, como enviar suxestións...

Tamén quixo destacar o labor iniciado neste concello por varios colaboradores que xa se deron de alta na plataforma Galicia Nomeada e que achegaron ata estes momento máis de 300 micrtopónimos, entre eles podemos citar a Xurxo Martínez, técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela, onde tamén está a desenvolver o seu labor de recolla toponímica, ou Benxamín Macía. Vicente Feijoo convidou as persoas asistentes a seguir este exemplo, pois aínda son moitos os topónimos de leiras, fontes, camiños, regos, penedos... que quedan por inventariar na Pobra do Brollón. Compromiso adquirido por algúns representantes de asociacións como José Luis de Lourente, da Comunidade de Montes da parroquia de Saa.

A charla pechouse cun dos momentos máis esperados nos encontros Toponimízate, as etimoloxías das parroquias e das aldeas que forman o día a día da veciñanza da Pobra do Brollón. Entre os moitos topónimos curiosos que podemos atopar neste concello está o da parroquia de Cereixa. Malia a súa similitude co nome da froita, estamos ante un hidrónimo prerromano, isto é, un nome referido ás augas, tal e como podemos ver explicado para o topónimo Cereixo de Vimianzo en palabras de Xosé María Lema nun novo capítulo recentemente publicado da serie O Seminario de Onomástica responde. En canto aos nomes das aldeas, a xente sentía moita curiosidade por saber a orixe de nomes como Telo, Martul, Rairos, A Arcoia, GuarizValdolide ou Porvenza; estes dous últimos especialmente singulares por gardaren similitudes fonéticas e etimolóxicas con dous exónimos, Valladolid e Provenza. Grazas a esta conversa final coa veciñanza descubrimos que malia estar oficializada a forma Porvenza no Nomenclátor de Galicia, hai xente nativa desta parroquia que di Provenza, ao igual que o nome da rexión francesa.

Por último, só nos queda agradecer desde o proxecto Galicia Nomeada o bo facer e a implicación do técnico de Cultura, Xoxé Gago, e mais da responsable da comunicación institucional deste concello, Úrsula Neilson, por conseguir que os medios técnicos para o desenvolvemento da charla fosen os idóneos e polo gran labor de difusión que fixeron desta charla para conseguir a maior asistencia e participación posible. Estamos seguros que seguirán involucrando no proxecto Galicia Nomeada a moita máis veciñanza que non lle foi posible asistir á charla nesta ocasión.

Esta semana, dúas novas charlas Toponimízate

O vindeiro venres 17 de novembro será un día intenso na campaña Toponimízate. Ás 12 da mañá, o Centro Social de Dumbría recibirá a Vicente Feijoo na primeira das citas; e xa pola tarde, a campaña trasladarase á Casa da Cultura do concello lucense de Begonte, onde se ofrecerá o relatorio a partir das 19:30 horas.

Galería de imaxes
Tipos