Toponimízate volve percorrer o país na procura dos nomes da nosa terra
A campaña de divulgación da toponimia galega, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra percorrerá as catro provincias do país na súa sexta edición para sumar, desde o seu inicio, máis de 80 concellos “toponimizados”. Esta mañá, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron na Fundación Luis Seoane a xeira 2023 da campaña Toponimízate que chegará neste outono a 12 concellos do país. Xunto a eles estivo tamén Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, que será o encargado, como nas edicións anteriores, das accións formativas incluídas na campaña.
Esta iniciativa, coordinada e executada pola RAG, está financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Ten dous obxectivos principais: difundir a importancia da nosa riqueza toponímica como parte do patrimonio inmaterial que nos particulariza e define no mundo; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na súa salvagarda e difusión a través da gran plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes cualificou a campaña Toponímizate e Galicia Nomeada como dous dos proxectos máis coidados e ambiciosos da institución, xa que serve para achegar a RAG a todos os recunchos do país e recoller da poboación todo o saber que atesouran. “Trátase dun grande esforzo pola recuperación, defensa e posta en valor dun dos patrimonios máis importantes do país, a toponimia. Cada nome de lugar leva detrás toda a historia das persoas que habitaron a terra. É un diálogo entre onte e hoxe, entre os devanceiros e os contemporáneos que debemos manter e transmitir”, afirmou. Esta campaña, proseguiu, “procura implicar todos os axentes sociais, desde veciñanza a centros de ensino, para entre todos recuperar o noso patrimonio e deixármolo de legado para os que veñan detrás. Para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación da nosa cultura”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quixo pór en relevo o apoio da Xunta de Galicia nun proxecto que mesmo está a traspasar fronteiras: “Diversas comunidades autónomas contactaron connosco para poder replicar Galicia Nomeada e implicar a súa poboación como o estamos a facer nós.” O secretario xeral fixo un repaso das cifras para salientar que “a implicación dos galegos e galegas na recuperación da súa toponimia é algo do que nos debemos sentir orgullosos” mais “non debemos conformarmos e temos que seguir sumando máis voluntarios culturais, máis asociacións e máis centros de ensino”. Aí radica a importancia da campaña Toponimízate, insistiu.
Desenvolvemento, datas e horarios das charlas Toponimízate 2023
Nesta nova tempada das charlas procurouse cubrir as catro provincias galegas por igual, con tres accións en cada unha delas. Os 12 concellos elixidos comparten unha mesma característica: en ningún deles se completou o traballo do Proxecto Toponimia de Galicia cando este estivo activo, polo que teñen unha parte importante do seu territorio coa microtoponimia sen recoller. Ademais, dáse a circunstancia de que Becerreá e Maceda son dous dos dez concellos galegos nos que aínda non se incluíu ningún topónimo en Galicia Nomeada, ademais de sufriren un avanzado proceso de despoboamento. Estas circunstancias aumentan a urxencia de levar a cabo a recolleita dos seus topónimos menores.
Como nas temporadas anteriores, as charlas Toponimízate serán impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. As charlas constarán dos seguintes bloques temáticos: comezarase falando da riqueza toponímica que ten o noso país e do risco que corre de perderse; a continuación explicarase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza e a tradición oral vencellada a eles; posteriormente falarase das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral, desta información cultural, unha vez está xeorreferenciada e normativizada; por último, darase conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado, contarase coa colaboración na elaboración destas etimoloxías do académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza.
A primeira das charlas será este mesmo mércores 11 de outubro no Centro Sociocultural de Friol, a partir das 12:30 horas, coa asistencia, alén das persoas interesadas, do alumnado da ESO do CPI Doutor López Suárez. Após o concello lucense, Toponimízate visitará os seguintes concellos: Becerreá, o xoves 19 de outubro no IES de Becerreá a partir das 11:30 h; Vila de Cruces, o venres 20 de outubro no Auditorio Municipal Xosé Casal a partir das 19:30 h; Tui, o xoves 26 de outubro no Centro Cultural de Randufe a partir das 20:00 h; Trasmiras, o venres 27 de outubro na Casa da Cultura a partir das 20:00 h; Padrón, xoves 2 de novembro na Casa dos Capeláns de Iria, a partir das 20:00 h; Amoeiro, xoves 9 de novembro na Casa da Cultura a partir das 19:00 h; A Proba do Brollón, venres 10 de novembro na Casa da Cultura a partir das 19:30 h; Dumbría, venres 17 de novembro no Centro Social de Dumbría a partir das 12:00 h; Maceda, o martes 21 de novembro a partir das 12:30 horas no IES San Mamede; Ponte Caldelas, o venres 24 de novembro no Centro Cultural de Ponte Caldelas a partir das 20:00 h; Narón, o venres 1 de decembro, no Centro Cívico Cultural do Alto do Castiñeiro, a partir das 19:00 h.
Algúns datos de Galicia Nomeada
A Campaña Toponimízate ten como un dos obxectivos principais promocionar a colaboración na plataforma Galicia Nomeada, xestionada pola Real Academia Galega en colaboración coa Xunta de Galicia desde finais de 2019. Desde entón son xa máis de 3.200 as persoas colaboradoras que se rexistraron nesta plataforma e, grazas a elas, son máis de 67.000 os nomes achegados de leiras, fontes, montes, camiños... Este exército de voluntarios culturais engadiu nomes na práctica totalidade dos concellos, pois só quedan 10 sen ningunha achegas pública.
As contribucións resultaron de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizou o traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia, como Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda, por citarmos só algúns dos concellos onde máis achegas se fixeron; e naqueloutros que comezaron a recoller a súa toponimia despois de que a campaña Toponimízate chegase ao seu territorio: Allariz foi unha das paradas da edición anterior e, desde o 22 de outubro de 2022 ata hoxe, foron máis de 1.500 topónimos os que se recuperaron neste concello ourensán.