A veciñanza de Ponteareas recibirá a visita da campaña Toponimízate
Comeza a recta final da campaña Toponimízate Falámosche dos nomes da túa terra na edición de 2022. Ponteareas estrea este mércores 9 as charlas do mes de novembro. Ademais deste concello pontevedrés, chegaremos a outros catro municipios do país para chamar a atención sobre o perigo que corre a nosa toponimia tradicional e buscar persoas que colaboren co proxecto Galicia Nomeada na súa recolla. A cita será no Auditorio Reveriano Soutullo a partir das 20:00 h e contará coa presenza de Vicente Feijoo Ares, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, que será o encargado de impartir o relatorio; e mais con Cristina Fernández Davila, alcaldesa dese municipio, que presentará o acto.
A recalada neste concello do interior da provincia de Pontevedra non é casual: durante as últimas décadas, e especialmente desde 1990, viviu un crecemento poboacional que o levou a aumentar o 50% a súa poboación. Isto debeuse, entre outros factores, ao seu desenvolvemento económico e á súa proximidade coa cidade de Vigo. O aumento da poboación, moita dela chegada máis alá das súas fronteiras municipais, provocou un certo desenvolvemento urbano e tamén un abandono das actividades tradicionais relacionadas co coñecemento do territorio. Outro dos criterios que se tiveron en conta para escoller este concello como beneficiario da campaña Toponimízate foi o feito de que en Ponteareas non se levaron a cabo os labores de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia nos anos en que este estivo activo. Por último, non podemos deixar de mencionar o interese mostrado pola corporación municipal, principalmente polo concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba Bouza, para que os traballos de salvagarda da microtoponimia ponteareá se levasen a cabo. Concretamente, foi a responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Concejo Vázquez Rabuñade, a persoa que se puxo en contacto cos responsables do proxecto Galicia Nomeada para vencellar esforzos e para que toda a información toponímica recompilada pola veciñanza deste concello revertese no gran banco de datos da toponimia galega. Xa no 2021 puxeron en marcha o seu propio proxecto de salvagarda dos nomes tradicionais das súas terras e montes en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns.
A suma de todos estes factores conflúe en facer indispensable a chegada da Campaña Toponimízate ao concello de Ponteareas, para traballar cunha metodoloxía común e definida, para que esta información cultural estea dispoñible nun mesmo visor xeorreferenciada e normativizada, de xeito que permita o seu aproveitamento desde o punto de vista profesional ou lúdico para todos os galegos e galegas. Daquela, Vicente Feijoo, ademais de sensibilizar aos asistentes na urxencia de recoller este patrimonio inmaterial ante a súa alarmante perda nas últimas décadas, ensinaralles como introducir os topónimos e toda a tradición oral vinculada a eles na plataforma Galicia Nomeada, que ata a data só recibiu unhas 50 achegas públicas neste concello. E non só iso, senón como achegar fotos, audios, vídeos, documentos... sobre un topónimo, como facer suxestións sobre outros topónimos ou como consultar a toponimia recollida por toda Galicia.
Ademais, as persoas que asistan ao auditorio municipal poderán escoitar na segunda parte da charla as historias que agochan os nomes das súas parroquias e aldeas. Estas etimoloxías contan coa contribución de Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica e tamén novo académico numerario da RAG desde o 5 de novembro. Entre as etimoloxías das que falará Vicente Feijoo, está a do propio nome do concello, Ponteareas, que fai referencia á existencia dunha antiga ponte sobre o río Tea situada na parroquia de Areas, talvez a chamada Ponte dos Remedios. Pero non só o nome do concello fai referencia a un tipo de terreo areento, posiblemente causado polo paso do curso do río Tea, senón que a mesma motivación atopamos nos nomes de parroquias como Arnoso ou Areas, e posiblemente no de aldeas como O Cribeiro. A voz “cribeiro” defínese nos dicionarios galegos dos s. XIX e XX como “persoa que fai ou vende cribas ou cribos”, pero tamén como “persoa que antigamente se dedicaba a cribar as areas do río”. Estas e outras moitas historias son as que agochan os topónimos do concello de Ponteareas.
Catro citas máis para rematar o ano
Toponimízate chegará a outros catro concellos durante o mes de novembro: Forcarei, o venres, 18 de novembro, ás 12:00 h no CEIP Nosa Señora das Dores; Guntín, o mércores, 23 de novembro, ás 12:00 h na Casa da Cultura; O Incio, o venres 25 de novembro, ás 19:00 h no salón de usos múltiples da Casa do Concello; e, finalmente, Zas, o luns, 28 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio. Estes son os lugares que porán o ramo á campaña durante 2022, campaña que levou a mensaxe da recuperación da nosa toponimia tradicional ata un total de 17 concellos.