Vila de Cruces comeza a recollida da súa microtoponimia despois da charla Toponimízate

Unha concorrencia moi disposta á colaboración deuse cita o pasado venres 20 de outubro no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces para descubrir o gran tesouro da nosa toponimia tradicional e como poder salvagardala a través da plataforma Galicia Nomeada.

A actividade formativa foi presentada por Mireya Otero Martínez, concelleira de Economía, Facenda e Xuventude, e mais o alcalde deste municipio, Luis Celso Taboada Sánchez. Pero ademais, Vicente Feijoo, o coordinador técnico de Galicia Nomeada encargado de impartir estes relatorios, estivo acompañado por unha ampla representación da corporación municipal, xa que a esta cita tamén acudiron outros concelleiros e concelleiras como Noemi Lois Blanco, Julio López Carballal e Juan Carlos Rodríguez Martínez

O obxectivo principal co que a campaña recaeu neste concello pontevedrés foi procurar persoas colaboradoras que teñan a intención de recuperar e salvagardar todos os nomes de leiras, fontes, regatos, penedos... do seu concello, participando no proxecto colaborativo Galicia Nomeada. Neste municipio aínda non había ningún colaborador ata este momento dado de alta na plataforma e, por tanto, aínda non había microtopónimos subidos ao visor de Galicia Nomeada en todo o seu territorio.

A tarefa, pois, é urxente e máis que nunca precisamos da colaboración de toda a veciñanza, asociacións e da comunidade escolar, como insistiu Vicente Feijoo. Ademais das utilidades prácticas que ten a recolla sistemática da nosa toponimia en diferentes ámbitos, o proceso de revisión das achegas públicas evitará que acontezan casos como o de Oivás, nome dun recoñecido santuario deste concello pontevedrés que foi castelanizado desde antigo en *Hoy-vas, forma que aínda hoxe podemos ver na rotulación da estrada.

A charla decorreu como é habitual: tras o preludio sobre a importancia da nosa toponimia, a plataforma Galicia Nomeada protagonizou o encontro co fin de facilitarlles ás persoas presentes o proceso de alta ou de engadir un novo topónimo. Por último, falouse dos nomes das parroquias e lugares de Vila de Cruces, concello que conta con moitísima toponimia prerromana: Añobre, Arnego, Besexos, Bodaño, Camazo, Carbia, Duxame, Larazo, Loño, Merza... Entre os nomes de entidades de poboación, podemos destacar a curiosa relación entre Cortizada e Cortegada.

Para Vicente Feijoo foi moi interesante a conversa que tivo despois da charla con algúns dos asistentes, pois descubriu o tremendo interese neste traballo de persoas como Ramón Moire, veciño da parroquia de Salgueiros, que baleirou toda a microtoponimia da súa parroquia que se cita no Catastro do Marqués de Ensenada e en arquivos como o da Catedral de Santiago de Compostela ou no da USC. Tamén falou con profesoras como María Jesús Barcala García, do IES Marco do Camballón, e María Jesús Iglesias Souto, do CEIP de Cerdeiriñas, que xa levan tempo recollendo lendas e tradición oral asociada aos topónimos co seu alumnado. O seguinte paso será implicar a rapazada destes dous centros de ensino no proxecto colaborativo Galicia Nomeada. O mesmo interese amosou Mónica Salgado Sueiro, veciña deste concello que traballa na Dirección Xeral de Patrimonio, sabedora do potencial que ten a toponimia á hora de marcar a existencia de posibles restos arqueolóxicos.

Esta semana, dúas novas charlas Toponímizate

A campaña Toponimízate desprázase esta semana ao sur de Galicia. Tui será a primeira das paradas, que está programada para o xoves 26 de outubro no Centro Cultural de Randufe a partir da 20:00 h. Á mesma hora do venres, a Casa da Cultura de Trasmiras será o lugar de encontro de todas aquelas persoas deste concello ourensán que estean interesados na recuperación da súa toponimia menor e en coñecer o significado da súa toponimia maior.
 

Galería de imaxes
Tipos