Vilar de Santos coñecerá esta semana o valor da súa toponimia
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volverá esta semana a terras limiás. O sábado 22 de xuño, a partir das 12:00 h, o Museo Etnográfico da Limia (rúa Celanova 63, Vilar de Santos) recibirá a iniciativa da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua que percorre o país concienciando a poboación galega da importancia da salvagarda dos nomes das nosas terras para que cada vez se sumen máis persoas e institucións á plataforma colaborativa Galicia Nomeada, o gran proxecto colectivo que en 4 anos leva recuperado máis de 78.000 microtopónimos (nomes de leiras, montes, fontes, penedos, regueiros...) e do que xa forman parte máis de 3.600 persoas, asociacións, institucións e centros de ensino.
A charla será impartida polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo. Nela, as persoas asistentes coñecerán o valor e importancia cultural dos nomes dos lugares que forman parte da súa paisaxe vital.
Un dos grandes temas que se abordará o sábado en Vilar de Santos será o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada: como darse de alta, como engadir un topónimo, como gravar un audio, como subir imaxes ou como enviar suxestións sobre a toponimia xa engadida serán algunha das opcións que se verán con detalle.
Tras este bloque máis práctico, virá a parte máis científica, en que as persoas asistentes coñeceran a orixe e mais o significado dos nomes de parroquias e aldeas de Vilar de Santos, un apartado que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Un dos moitos topónimos dos que falará Vicente Feijoo é Castelaus, xentilicio que indica o lugar de procedencia dos primeiros habitantes deste asentamento de poboación en semellanza a outros topónimos galegos como Sarreaus, Naveaus, Toldaos, Cumbraos... e que fan referencia a xente vida de Sarria, Navia, Toledo, Coímbra... respectivamente. Neste caso é moi probable que estas persoas que motivaron o topónimo Castelaus non viñeran de Castela-León ou Castela-A Mancha, senón dunha antiga xurisdición chamada Terra de Castela que agrupaba na Idade Media os actuais territorios das comarcas do Ribeiro e do Carballiño.