Xunqueira de Ambía implícase na tarefa de salvagardar a súa microtoponimia

Xunqueira de Ambía concienciouse da necesidade e urxencia de recoller a súa toponimia tradicional, seguindo os pasos dun ilustre veciño seu, Elixio Rivas Quintas, quen  recollera milleiros de topónimos nos seus libros durante a súa longa vida e foi membro da Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

O pasado venres 15 de maio, a campaña Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra fixo parada nas Escolas Vellas deste concello ourensán. Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e encargado de impartir os relatorios, foi presentado polo concelleiro de Medio Ambiente e Turismo, Francisco Javier Nogueiras Quintas. Na súa presentación, o concelleiro desculpou a ausencia do alcalde por motivos de saúde e  agradeceu, en nome da corporación municipal, o compromiso da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Lingua para levar esta interesante e necesaria iniciativa ao seu concello. 

Vicente Feijoo centrou a charla en dous puntos fundamentais: o primeiro, concienciar o público asistente na urxencia en recuperar a toponimia tradicional de Xunqueira de Ambía, xa que está en grave risco de desaparición dado o forte despoboamento que vive desde hai varias décadas, o avellentamento da súa poboación e o feito de que neste concello non se fixera traballo de campo na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011).

O segundo foco da charla foi presentar a aplicación Galicia Nomeada, a plataforma para salvagardar a microtoponimia galega (nomes de terras, montes, fontes, penedos...) e toda a tradición oral vencellada a ela. Este concello só conta con 27 topónimos referidos a terras no visor de Galicia Nomeada. Para que as persoas asistentes puidesen reverter esta situación,  explicouse con detalle como darse de alta na aplicación, como engadir un topónimo, como gravar e subir un arquivo de son ou engadir unha fotografía e cada unha das accións que poden realizar tanto nas versións de escritorio como na aplicación para dispositivos móbiles.

Na parte final da charla, Vicente Feijoo detívose en explicar un por un os topónimos das aldeas e parroquias de Xunqueira de Ambía. Entre os topónimos que máis curiosidade causaron no público foi o de Bobadela a Pinta, para o que se barallan tres posibles hipóteses que poden explicar a orixe deste curioso topónimo e que repasamos neste artigo.

Valdoviño, seguinte parada da campaña neste mes de maio

O concello coruñés de Valdoviño será a última parada da Campaña Toponimízate neste mes de maio. A cita será o venres 29 a partir das 19:30 horas na Casa da Cultura (Av. Gándara de Abaixo, 30).

Galería de imaxes
Tipos