Sabías que
Sabías que a romaría da virxe do Xurés ten a súa propia cantiga que di "Eu heime de ir ao Xurés / con estas miñas amigas,/ hemos de botar un neto / e hemos de comprar sardiñas"?
Sabías que o topónimo O Ingüeiro, que dá nome á corrente de auga que rompe puntualmente a lagoa de Louro, pode ser unha variante da voz "angüeiro", ‘pequena canle que polo medio de xuncais leva augas correntes ao mar’?
Sabías que o topónimo do barrio do Papagaio da Coruña pode ter orixe nun artefacto que se empregaba para practicar o tiro?
Sabías que hai unha cantiga que alude á orografía da freguesía de Cabaleiros (Tordoia) e que di "Ai, Cabaleiros, Cabaleiros, Cabaleiros terra chan-e, todos os mellores mozos / para Cabaleiros van-e?"
Sabías que o nome da parroquia de Cereixo, no concello de Vimianzo, non ten nada que ver coa árbore homónima?
Sabías que o río Verdugo pode ter este nome pola cor verde das súas augas ou pola abundancia de vexetación na súa ribeira?
Sabías que os mariñeiros da ría de Ares din que “Cando A Laxe da Boca da Ría vexas espumar, non saias a faenar” ou “Cando A Laxe da Boca da Ría vexas romper, traballos na casa toca facer”?
Sabías que, como di a cantiga, A aldea da Agrela é moi divertida, ten a estrada na entrada, e A Estación na saída.