Alfonso Blanco Quintela debulla a toponimia maior de Muros nunha nova publicación da colección Terra Nomeada

A colección "Terra Nomeada" que publican a Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega segue a medrar. Se hai pouco máis dun mes a filóloga Andrea Santiso Arias presentaba na Casa da Cultura de Antas de Ulla o volume dedicado aos topónimos deste concello lucense, desta vez é Alfonso Blanco Quintela quen analiza a toponimia do concello coruñés de Muros nunha nova publicación que acaba de saír do prelo.

O venres 16 de marzo, a antiga fábrica de Sel vestiuse de gala para a presentación de Toponimia de Muros. Xunto ao autor e moitos veciños e veciñas muradáns, estiveron presentes o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o director do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina, a presidenta da Asociación Galega de Onomástica e académica correspondente Luz Méndez; o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, natural deste concello; e a alcaldesa muradá, María Lago Lestón.

Alfonso Blanco Quintela é profesor de latín e grego no IES Fontexería de Muros e conta cunha ampla traxectoria no ámbito da tradución. A el debémoslle a versión en galego de pezas clásicas de autores como Cicerón ou Xulio César e tamén de Johannes Kepler ou Francis Bacon. Porén, unha das súas grandes paixóns foi sempre a toponimia e, concretamente, a do concello de adopción onde exerce a docencia, afección que deu como froito este libro de investigación etimolóxica sobre os nomes de Muros. 

Toponimia de Muros repasa a orixe e o significado dos 105 nomes que conforman a súa toponimia maior e mais outros sete nomes singulares da súa toponimia menor, entre os que salientamos O Ingüeiro, nome único na onomástica galega que sinala o lugar en que, en momentos puntuais do ano, a lagoa de Louro ou das Xarfas reborda por riba da barra de area que a separa do mar, formando un río de augas bastante rápidas nos primeiros días do fenómeno. Segundo o autor, “a corrente comeza o seu camiño nun punto estreito, o máis doado de superar polo fluxo, e é esa angostura na que temos que reparar para atopar a orixe da palabra”. Canto á orixe etimolóxica, Alfonso Blanco Quintela propón que O Ingüeiro sería unha variante de angüeiro, substantivo recollido en varios dicionarios históricos da nosa lingua co significado de ‘pequena canle, polo común estreita e profunda, que polo medio dos xuncais leva augas correntes ao mar’. "Á súa vez, angüeiro parece ser unha alteración de augüeiro, derivado de augua, unha das formas que tomou en galego latín ĂQUA”, detalla o autor.

O libro Toponimia de Muros de Alfonso Blanco Quintela, así como o de Andrea Santiso Arias relativo á Toponimia de Antas de Ulla, poden descargarse na páxina da Real Academia Galega e tamén na sección “Publicacións de interese” deste sitio web, onde tamén hai dispoñibles para consulta máis de 60 publicacións relacionadas coa toponimia galega.
 

Galería de imaxes
Tipos