Arteixo
A inauguración da exposición dos mapas toponímicos deste concello tivo lugar o día 2 de novembro de 2006 no Centro Cívico Cultural. Nela pódense ver máis de 5.400 nomes localizados en fotografías aéreas, que foron recollidos en enquisas orais realizadas a informantes da zona pola responsable do Departamento de Normalización Lingüística de Arteixo e por técnicos do Plan Labora coordinados por ela.
Nos meses posteriores, os mapas circularon polas distintas parroquias do concello, onde foron revisados e completados polos veciños.
No acto de presentación interviron, ademais dos técnicos do Proxecto, a directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo; a delegada provincial de Medio Rural, Olga García Agra; o alcalde de Arteixo, Manuel Pose; e, finalmente, a responsable de Normalización Lingüística e coordinadora dos traballos neste concello, María Rozamontes.