Tomiño
O acto de inauguración da exposición dos mapas coa toponimia de Tomiño tivo lugar o día 17 de decembro de 2010 na Casa da Cultura do Seixo. Os 33 paneis expostos cobren a superficie das 15 parroquias do concello. Neles aparecen os 4.782 nomes recollidos, situados no espazo que identifica cada un e en distintas cores segundo as tipoloxías xeográficas nas que foron clasificados.
Á presentación acudiron numerosos veciños, entre os que se atopaban pedáneos das distintas parroquias, presidentes das comunidades de montes e unha boa parte dos informantes que deron conta dos nomes que fixeron posible este traballo. Deste xeito, o acto constituíu tamén unha homenaxe a todos eles. Así o destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen na súa intervención agradeceu a todos os veciños a súa colaboración. Severino Álvarez Monteserín, director xerente da S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, salientou a importancia de preservar un patrimonio inmaterial que é de gran importancia para Galicia en xeral e para os cidadáns de Tomiño en particular.
A continuación, Xermán García Cancela, secretario da Comisión de Toponimia e director do PTG, comentou os obxectivos do proxecto, enmarcados no contexto de respecto pola toponimia e de recuperación da súa forma orixinal, e as funcións da Comisión de Toponimia. Remarcou tamén a importancia de que os datos agora recollidos se amplíen e se melloren unha vez que sexan expostos nas parroquias.
Vicente Feijoo Ares, coordinador dos traballos realizados en campo, amosou os apartados da páxina web de toponimia e fixo unha demostración do funcionamento dos dous buscadores de topónimos, o xeral e o avanzado, con exemplos da toponimia de Tomiño. Finalmente, Helena Pousa, veciña de Goián, profesora e investigadora en toponimia, comentou a súa experiencia na recolleita de campo da súa parroquia e as etimoloxías dalgúns destes nomes.
A nova que saíu na prensa e na internet arredor deste acto pódese consultar no seguinte enderezo:
- La Voz de Galicia (17/12/10)