Ducias de persoas acoden á chamada de Toponimízate en Antas de Ulla

Ducias de persoas desafiaron as inclemencias meteorolóxicas o pasado venres 6 de setembro para recibiren en Antas de Ulla a campaña coa que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua percorren o país para poñer en valor a nosa toponimia tradicional e na procura de persoas que queiran achegar o seu gran de area na súa salvagarda. Entres os presentes, había moitas persoas do Instituto de Estudos Ulloáns que manifestaron o seu firme compromiso en colaborar no proxecto Galicia Nomeada e en divulgar a mensaxe da campaña a moitos veciños que non puideron asistir.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, estivo acompañado da alcaldesa do concello seoanés, Pilar García Porto, e dunha das persoas que mellor coñece a toponimia maior deste municipio lucense, Andrea Santiso, filóloga autora do libro Toponimia de Antas de Ulla, quen foi a encargada de presentar ao relator do Seminario de Onomástica da RAG.

Foi precisamente Andrea Santiso e a súa obra, que se pode descargar nesta páxina, as que protagonizaron a última parte do evento dedicada aos nomes da xeografía seoanesa. Os asistentes puideron ver en primicia un vídeo da sección “O Seminario de Onomástica responde” onde Andrea explica polo miúdo a orixe e  significado do topónimo municipal, Antas de Ulla. Como complemento da actividade, Vicente explicou de forma divulgativa o significado dos nomes das 28 parroquias deste concello, baseándose loxicamente no estudo feito por Andrea.

Deste xeito, os asistentes descubriron que, tanto o nome do Monte Farelo coma o da localidade de Facha, fálannos da existencia na antigüidade dun sistema de comunicación baseado en luminarias que servía para alertar a poboación veciña dun inminente perigo. Tamén houbo tempo para comentar as diversas hipóteses sobre a orixe do nome do lugar designado polo Instituto Geográfico Nacional como Centro Xeográfico de Galicia, Nugallás, e que resumimos no seguinte artigo.

Previamente, Vicente Feijoo puxo en valor a importancia que está a ter Galicia Nomeada na recuperación da toponimia tradicional galega: máis de 82.000 microtopónimos en menos de 4 anos e máis de 3.700 persoas colaboradoras dan boa conta diso. Porén, só 75 deses nomes de lugar foron recuperados no concello seoanés. Por iso, Vicente Feijoo quixo convidar a todas as persoas asistentes a se uniren ao proxecto colaborativo para recuperar os nomes de fontes, camiños, regos, montes... de Antas de Ulla antes de que caian no esquecemento. Deste xeito, a plataforma Galicia Nomeada centrou boa parte da relatorio para explicar as súas principais funcionalidades: subir novos topónimos, informar sobre erros e outras suxestións, engadir imaxes, descricións ou arquivos de sons...

Desde Galicia Nomeada agradecemos a agarimosa acollida da campaña neste concello por parte da alcaldía, do Instituto de Estudos Ulloáns e, sobre todo, por Andrea Santiso e a súa familia.

Salceda de Caselas, seguinte parada da campaña Toponimízate

A campaña de recuperación da nosa toponimia tradicional muda de provincia nesta semana: o concello pontevedrés de Salceda de Caselas será a vindeira parada o vindeiro venres 13 de setembro. A cita será na Casa de Cultura Castelao a partir das 20:00 horas.

 

Galería de imaxes
Tipos