Éxito de asistencia ás Xornadas de microtoponimia de Carballo
A nosa toponimia tradicional esperta un grande interese na poboación, como quedou demostrado unha vez máis o pasado xoves 6 de setembro en Carballo. O salón de actos das Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo quedou pequeno para a inauguración das Xornadas de microtoponimia, o proxecto con que o concello carballés pretende dar continuidade á iniciativa Carballo na Memoria, desta vez co obxectivo posto na salvagarda e posta en valor da microtoponimia do seu termo territorial. Máis de medio cento de persoas, entre eles docentes, investigadores, historiadores e amantes do noso patrimonio inmaterial, déronse cita neste edificio que acaba de ser restaurado para dar acubillo ás interesantes xornadas que se desenvolverán durante todo o mes de setembro.
O evento foi presentado pola concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e mais polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que fixeron fincapé no firme propósito da corporación municipal de apostar pola recuperación dos nomes históricos do seu municipio. Que mellor mostra deste propósito cá recuperación do topónimo Agra de Caldas para denominar estas Antigas Escolas do Xardín.
A continuación tomou a palabra Xabier Valle, profesor de ensino secundario, para presentar a Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica. Este ofreceulle ao público asistente unha charla sobre o valor cultural da nosa toponimia e sobre o risco que corren de perderse os nomes da nosa terra, centrándose fundamentalmente no uso da plataforma colaborativa Galicia Nomeada coa que os carballeses poden introducir nun visor xeográfico os nomes menores das súas aldeas e parroquias, xunto con audios da súa pronuncia, fotos dos elementos de interese cultural ou lendas de tradición oral vencelladas a eles. O convite lanzado por Vicente Feijoo para que as e os asistentes se animasen a colaborar coa plataforma tivo grande acollida: nos días posteriores á súa intervención déronse de alta máis de 20 persoas en Galicia Nomeada que xa engadiron máis de 100 microtopónimos pertencentes a distintas parroquias deste concello.
Posteriormente chegou a quenda de Xan Fraga, coñecido profesor, historiador e escritor, deste municipio coruñés, quen coñece con minucioso detalle a toda a súa historia desde a Idade Media ata hoxe en día. Tamén falou de topónimos históricos da vila carballesa, entre eles, a súa primeira denominación de Os Baños de Carballo, e reivindicou a recuperación dos nomes tradicionais para as rúas do núcleo urbano como A Ponte da Lagoa e outros moitos. Desde logo, foi unha clase maxistral de historia á que Xan xa nos ten acostumados.
Desde Galicia Nomeada dámoslle os nosos parabéns á concelleira Ángeles Pacoret e a Cristina Abelleira, responsable de comunicación, por organizar estas interesantes xornadas; convidamos á veciñanza para seguir as vindeiras sesións das próximas semanas; e agradecemos que contasen coa nosa presenza nelas para involucrar a veciñanza de Carballo na salvagarda e difusión dos nomes da nosa terra.