Galicia Nomeada participa na Semana Cultural do IES de Cacheiras

A aplicación Galicia Nomeada e a nosa toponimia tradicional foron as protagonistas este mércores na II Semana Cultural do IES de Cacheiras, situado no concello coruñés de Teo. Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto, aceptou de bo grado o convite proposto por unha das profesoras de Lingua e literatura galega, Dulce Serramo Gontán, para participar nestas xornadas.

Este ano, a semana cultural tivo como fío condutor a “Paisaxe e o cambio climático” e ofrece un interesantísimo grupo de actividades formativas e de lecer: ademais do coordinador técnico de Galicia Nomeada, polas aulas do centro pasaron Xurxo Souto, que este mesmo luns impartiu unha charla sobre os 20 anos da traxedia do Prestige; Pablo Sanmartín, que falou sobre o parque eólico do Monte Piquiño; ou Antonio Riqueiro, quen fixo unha achega aos cogomelos comestibles e velenosos. Outras actividades que completan o pano foron diversas rutas pola Batalla de Cacheiras de 1846, proxeccións de documentais ou exposicións con traballos feitos polo alumnado.

Os dous relatorios impartidos por Vicente Feijoo foron presentados pola vicedirectora do centro, Trinidad Pazos Celis, e a eles asistiron todos os alumnos que cursan 3º da ESO acompañados por algúns dos seus profesores. Na liña da temática das xornadas, aproveitou a ocasión para falarlles ao alumnado sobre a relación da toponimia coa paisaxe da súa contorna, a importancia desta como patrimonio cultural que cómpre salvagardar entre todos a través do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, ademais de mostrarlles os diferentes contidos multidisciplinares que se poden aprender traballando cos topónimos.

A diferenza doutros concellos, Teo xa ten unha boa parte da súa microtoponimia rexistrada, que foi recollida na época que estaba activo o antigo Proxecto Toponimia de Galicia. Os máis de 4.000 microtopónimos recollidos poden verse na actualidade no visor de Galicia Nomeada. Agora, Vicente convidou aos rapaces e rapazas do IES de Cacheiras a seguir con este labor e a completar a información dos nomes xa recollidos achegando fotos, gravacións de audio ou vídeo e documentos sobre os topónimos xa rexistrados. 

O alumnado descubriu, entre outras moitas cousas, que o seu centro está situado nuns terreos que se denominan Bouza, xunto ao Monte de Lamelas e A Veiga de Constenla. Tamén lles sorprendeu que Teo sexa un topónimo prerromano que fai referencia ás augas; que moitos dos nomes das súas parroquias procedan dun nome de posesor de orixe xermánica como Baamonde (< BADAMUNDUS), Rarís (< RANARICUS), Recesende (< RECESINDUS)...; ou que o topónimo que lle dá nome ao seu instituto, Cacheiras, proceda do verbo cachar ‘romper, roturar’ e que faga referencia a 'terras que foron gañadas ao monte para seren cultivadas', en consonancia con outros topónimos do mesmo significado como Cachada, Cavada, Rozada, Rotea...

Desde Galicia Nomeada agradecemos a Dulce e a Trini o convite para participar nesta semana cultural, desexamos que esta actividade resultase amena e produtiva, didacticamente falando, para todas e todos os asistentes, e agardamos recibir moi pronto novos topónimos deste concello a través da nosa plataforma colaborativa. 
 

 
Galería de imaxes
Tipos