Laxe acolleu unha proveitosa charla Toponimízate

Case 200 topónimos recuperados e incluídos en Galicia Nomeada en apenas dous días: este é o resultado da proveitosa charla Toponimízate de Laxe. 

O pasado venres 12 de setembro, a campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua fixo parada na Museo do Mar deste concello da Costa da Morte. Alí, Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, sumou á plataforma novos colaboradores, como Víctor Manuel Parga Castiñeira, que desde o primeiro momento amosaron a súa dispoñibilidade para colaborar e xa se puxeron mans á obra para conservaren os nomes das terras  e do mar neste concello coruñés. 

O relatorio foi presentado polo alcalde laxeiro, Francisco Charlín, e mais pola concelleira de Cultura, Raquel Lema. Francisco, como bo mariñeiro que é, está moi interesado en colaborar neste proxecto cultural para que non se perdan todos eses nomes do mar que aprendeu dos seus antepasados e veciños. Durante a charla, xa demostrou un gran coñecemento da talasonimia ao percibir no visor de Galicia Nomeada a ausencia de moitos nomes de pedras no litoral do seu concello, nomes que recitou de memoria e que irá engadindo na plataforma pouco a pouco.

As persoas asistentes a esta charla en Laxe mostraron moito interese polas explicacións que Vicente Feijoo ofreceu sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, que centrou boa parte do relatorio: como solicitar unha conta, como engadir un novo topónimo con audio, imaxe e descrición asociada, como facer unha suxestión na toponimia rexistrada etc.

A última parte da charla, dedicada á orixe e significado dos nomes das parroquias e lugares deste concello, foi tamén moi interesante e proveitosa. Por un lado, porque os asistentes deron algunhas indicacións para interpretar a orixe e significado dalgúns nomes dubidosos relativas á orografía dos lugares que identificaban; por outro, porque fixeron varias alegacións respecto da pronuncia dalgúns topónimos oficiais do Nomenclátor de Galicia, como por exemplo, din Sarantes e non Serantes; O Prazaduiro e non O Aprazaduiro; Fenllido e non Finllido; Cabodarea e non O Cabo da Area... Tomouse nota de todas estas reclamacións para que o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega inicie a correspondente investigación co gallo de valorar a necesidade ou non de modificar o ditame oficial dalgúns destes topónimos maiores. 

Alén diso, entre o público asistente estivo Xosé Vázquez Labandeira, autor da obra Toponimia do Concello de Laxe, quen interveu varias veces durante a exposición para achegar as súas hipóteses sobre diversos topónimos de Laxe, entre eles o de Soesto, do que falamos neste artigo da sección Detrás do nome

Chantada, seguinte parada da campaña Toponimízate

A campaña Toponimízate non para: esta mesma semana, Vicente Feijoo desprázase á provincia de Lugo para ofrecer unha nova charla. A cita será o venres 19 de setembro a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal. 

Galería de imaxes
Tipos