Non perdas a VII Xornada de Onomástica Galega

Por sétimo ano, o Museo de Pontevedra acolle o sábado 15 de outubro a xa tradicional Xornada de Onomástica Galega, organizadas pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. Coordinado pola académica de número da Real Academia Galega Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, o encontro terá como tema a onomástica literaria. Por tanto, estará centrado na función e a significación dos nomes propios na literatura, un campo pouco explorado no ámbito galego, a pesar do gran rendemento que moitos dos nosos escritores lle teñen tirado. 

Para tratar este tema contarase cun elenco formado polas principais voces investigadoras da onomástica galega e tamén unha representación das nosas letras. Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, centrarase na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas. Na literatura medieval centraranse Bieito Arias Freixedo (UVigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia. 

Pola tarde, Berta Dávila, a académica Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda conducida pola académica Marilar Aleixandre na que compartirán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Pechará a xornada Xosé María Álvarez Cáccamo cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos.

O prazo para inscribirse rematou o pasado 12 de outubro. Se por algún motivo non podes asistir ás xornadas, terás a posibilidade de seguir as diferentes palestras a través da canle de Youtube da Real Academia Galega ou desta mesma publicación.

Sesión de mañá

Sesión de tarde

 
Galería de imaxes
Tipos