O Concello de Cualedro será o encargado de abrir a campaña Toponimízate 2024

Arrinca a nova xeira de charlas Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra: este venres 14 de xuño, o concello ourensán de Cualedro recibirá a campaña coa que a Real Academia Galega e Secretaría Xeral da Lingua percorren Galicia con dous obxectivos ben precisos: concienciar a poboación galega da importancia da nosa toponimia tradicional e procurar persoas e institucións que colaboren na súa salvagarda a través da plataforma de recolla toponímica Galicia Nomeada.

A cita será a partir das 20:00 horas na Casa da Cultura do Concello de Cualedro (avenida de Portugal, 32689, Cualedro) onde as persoas asistentes recibirán unha interesante e didáctica charla da man de Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada. Ademais de falarlles da importancia da nosa toponimia tradicional e do risco que corre de desaparecer, explicaralles o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, o gran proxecto colectivo no que están implicados milleiros de persoas por todo o país e grazas aos que xa se recuperaron máis de 76.000 microtopónimos (nomes de leiras, montes, fontes, penedos, regueiros...).

A charla en Cualedro é de grande importancia por diferentes factores: en só 20 anos este municipio perdeu un 30% da súa poboación e máis da metade dos cualedraos xa teñen máis de 60 anos. Ademais, non foi obxecto do traballo de campo do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011. Grazas ao traballo do alumnado do IES Lagoa de Antela e ao doutros colaboradores como Nica Palomares, xa se rexistraron no visor de Galicia Nomeada algo máis dun cento de nomes, pero aínda quedan moitos topónimos por engadir neste concello que corren moito risco de perderse. Por tanto, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento á toda a poboación interesada no noso patrimonio para que acudan á cita deste venres e participen neste proxecto cultural achegando os nomes que saben da súa aldea.

Ademais desta formación práctica, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo tamén lles explicará ás persoas que asistan a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Cualedro, sección que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Precisamente debémoslle a este experto en toponimia a hipótese de que o nome da parroquia da Xironda pode ser unha retoponimización do rei Afonso VIII (chamado o IX). Segundo Navaza, o rei galego inspirouse no topónimo francés La Gironde ou talvez no catalán Gironda para rebautizar a parroquia que ata o século XIV era coñecida como Vilamaior.
 

Tipos