O entusiasmo da rapazada de Moraña protagoniza a primeira charla Toponimízate 2026
© da imaxe: Sergio Sueiro, La Voz de Galicia
O entusiasmo da rapazada de Moraña cargou as pilas para a temporada da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Os alumnos do CPI Santa Lucía xuntáronse o mércores 22 de abril cos seus familiares e veciños desde concello pontevedrés para comprometerse todos xuntos na recolla da súa microtoponimia e conservala grazas á plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
A primeira das charlas Toponimízate deste 2026 contou coa presenza do alcalde de Moraña, José Luís Gómez Fontenla, a concelleira de Cultura, Andrea Domínguez Búa, e a tenente de alcalde Mercedes Campos, ademais de varios docentes do CPI Santa Lucía, como Daniel Fernández, profesor de Lingua e Literatura Galegas, e Pablo Bernárdez, profesor de Proxecto Competencial. Todos eles mostraron o agradecemento á Real Academia Galega e á Secretaría Xeral da Lingua por elixiren o seu municipio para iniciar a campaña Toponimízate deste ano, ademais do seu compromiso por colaborar conxuntamente na salvagarda dos nomes das terras e dos montes do concello de Moraña.
O acto, que tivo lugar no Multiúsos de Moraña, foi un verdadeiro encontro interxeracional. Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica e da plataforma Galicia Nomeada, aproveitou a presenza de novos e maiores morañeses para convidalos a que os primeiros acudan aos segundos, que os escoiten e que aprendan da súa inmensa sabedoría popular. Como bos coñecedores do seu territorio, seguro que os avós e avoas dos rapaces e rapazas atesouran ducias e ducias de nomes, xunto con outras tantas historias e lendas, que os máis novos saberán rexistrar a través das novas tecnoloxías.
Xa que logo, Vicente Feijoo, despois dunha pequena introdución sobre a riqueza e a importancia que ten a toponimia galega desde o punto de vista lingüístico, histórico e cultural, explicoulles pormenorizadamente como funciona a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, tanto na súa versión para dispositivos móbiles como de escritorio. Novos e maiores comprobaron o doado que é engadir un novo topónimo, subir arquivos de son coa súa pronuncia ou a dos seus maiores, anexar unha imaxe dos elementos de interese cultural ou recoller lendas asociadas aos topónimos, ademais de facer correccións sobre os que estean mal situados.
A seguir, faloulles á rapazada e veciñanza de Moraña sobre o significado dos nomes do seu concello. O público sorprendeuse ao saber que moitos dos topónimos que eles coñecen e usan son únicos no mundo: é o caso de Cosoirado, topónimo escuro e de difícil interpretación. Segundo o académico Gonzalo Navaza, pode tratarse dun topónimo composto por unha variante de Couso, que adoita ter o significado de ‘val encaixado entre montañas’, e un adxectivo Eirado, relacionado con eira ou con area. Outros dous topónimos que tamén foron explicados na charla foron Rebón e Redondio, tamén escuros e posiblemente relacionados, segundo a hipótese de Gonzalo Navaza e que explicamos neste artigo.
En anteriores edicións, as charlas Toponimízate rematan neste punto, pero este ano teñen un novo bloque temático dedicado a explicarlle á veciñanza os argumentos filolóxicos que motivaron algúns cambios de ditame no novo Nomenclátor 2026 respecto dos nomes dalgunha parroquia ou aldea do concello onde se imparte a charla.
Neste caso fíxose fincapé no cambio do nome oficial de 3 parroquias: A Amil (engadíuselle o artigo), Santa Cruz de Lamas (engadíuselle a santa patroa da parroquia) e Saiáns ou A Choza (engadíuselle o segundo nome, A Choza, polo que é máis coñecida na actualidade). Respecto dos 12 nomes de aldeas que cambiaron, os seus habitantes están de acordo con todos eles, agás co da A Alberguería que agora se pasou A Albergaría. Na charla estiveron presentes unha ampla representación de veciños desta aldea que manifestaron o seu descontento co cambio polos problemas que lle pode ocasionar nos documentos oficiais, algo que non é real, pois por exemplo no DNI non figura o nome da aldea, senón o do Concello. Na charla explicouse claramente que o cambio estaba xustificado porque está ben documentada a forma con -a- e que incluso se rexistraron gravacións onde se demostra que a xente maior pronunciaba Albergaría.
Trala charla, Vicente Feijoo foi convidado ao CPI Santa Lucía polo profesor Pablo Bernárdez para que os alumnos de primaria lle fixesen unha entrevista na radio do centro, Radio Tarabelo. Tamén puido coñecer todo o que están facendo no proxecto didáctico do centro “Sementando o futuro. A terra fala”, unha iniciativa na que engadiron a recolleita da microtoponimia da súa terra a través de Galicia Nomeada. Durante unha hora, Elena Fontán, Lara Souto, Izan Rodríguez e Olalla García, alumnos de 5º curso de primaria, fixéronlle unha chea de preguntas ao especialista en toponimia sobre a toponimia galega e sobre a súa traxectoria profesional, ademais de contarlle as experiencias de recollida de topónimos que xa realizaron cos seus avós e avoas.
Vicente saíu do centro encantado de ver a implicación do alumnado nun proxecto tan fermoso que pon en valor a nosa lingua, a historia da terra de Moraña e a sabedoría popular dos avós e avoas. Desde Galicia Nomeada dámoslle os parabéns a todos, profesorado e alumnado, por levar adiante esta iniciativa, da que máis adiante daremos conta dos seus resultados, e desexamos que sirva de exemplo para outros moitos centros de ensino por Galicia adiante.
Poio, seguinte parada na Campaña Toponimízate 2026
Tras Moraña, Poio será o seguinte concello que visitará a Campaña Toponimízate 2026. A charla, que será o vindeiro 9 de maio a partir das 11:00 horas na Escola do Campo de Combarro, está incluída nos diferentes actos que programa o concello no Día de Colón, un evento que durante toda a fin de semana pretende encher as rúas de Combarro de cor, historia e animación.