O IES Monte da Vila do Grove tamén fará as súas achegas toponímicas na plataforma Galicia Nomeada
O IES Monte da Vila do concello do Grove foi o último centro de ensino en sumarse ao proxecto Galicia Nomeada neste ano 2024. O día 19 de decembro, Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, viaxou ata o concello pontevedrés para formar a un grupo de estudantes de 3º e 4º da ESO deste instituto que participará na recolla dos nomes da súa terra.
A iniciativa partiu de Graciela Méndez Camiña, coordinadora do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do centro e profesora da materia de Física e Química. No proxecto participarán, como é lóxico, outros profesores dos departamentos de Lingua e Literatura galega e mais de Xeografía e Historia.
Como vén sendo habitual neste tipo de formacións para alumnado e profesora, Vicente Feijoo fixo fincapé na importancia que ten traballar coa toponimia no mundo do ensino, se temos en conta o gran potencial didáctico da información lingüística, histórica e cultural que nos achegan os nomes de lugar.
O seu obxectivo era sensibilizar os mozos e mozas asistentes do papel tan importante que teñen nas súas mans; isto é, recoller dos seus avós e avoas, pais e nais, veciños e veciñas, toda a información que poidan sobre a microtoponimia da península do Grove e a talasonimia do mar que a rodea. Para isto explicóuselles polo miúdo as funcionalidades da aplicación Galicia Nomeada, que poderán desde os seus ordenadores ou desde os seus dispositivos móbiles: introducir un novo topónimo; gravar un audio para rexistrar a fonética; engadir algunha foto, documento, descrición ou lenda; facer unha suxestión sobre un topónimo errado ou mal situado...
Como neste concello xa se recolleran na época do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) algo máis de 1.500 topónimos, que agora se poden consultar no visor de Galicia Nomeada, o plan de traballo será que o alumnado poida completar esa información con novos nomes ou corrixindo os xa existentes, se nalgún caso fose necesario. Por outro lado, tamén agardamos que engadan moitos audios coa pronuncia deses topónimos por parte dos seus avós e avoas, así como fotos dos elementos de interese cultural, dos penedos... e lendas de tradición oral asociadas aos nomes da terra ou do mar.
Agardamos que de aquí saia un traballo moi produtivo e do que todos eles poidan sacar un gran rendemento a nivel persoal e académico. Desde Galicia Nomeada, estaremos pendentes para axudalos coas dúbidas que teñan e para darlles folgos.